A Unidade de Igualdade lanza a campaña ‘Camiño Segura’

Son tres vídeos no que se reflexiona sobre como se moven as mulleres nos campus pola noite

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Nena e baixo o lema xeral A Igualdade está de festa, a Unidade de Igualdade lanzou este venres unha nova campaña comunicativa na que, “con ton desenfadado, próximo e actual” tratará, a través da difusión de diferentes vídeos, de facer unha chamada á participación e á interacción da comunidade universitaria, priorizando sobre todo ao alumnado, sobre diferentes temáticas, incluíndo a seguridade nos espazos públicos e o uso axeitado e crítico de internet e as novas tecnoloxías.

Dentro desta iniciativa xeral, a primeira campaña denomínase Camiño Segura e inclúe a difusión de tres vídeos creados a partir da visión de diversas alumnas que estudan nos tres campus reflexionando sobre como se moven as mulleres nos campus pola noite. A que teñen medo? Cales son as zonas onde se senten máis seguras? Que factores contribúen á sensación de medo? Que se podería facer para que as mulleres poidan camiñar polo campus sentíndose libres e seguras? “A gravación destes vídeos foi moi interesante porque collendo ao azar a algunhas rapazas xa amosaron que para elas era unha dificultade ter que saír das aulas a determinadas horas, sobre todo nas tardiñas do inverno, porque ás veces pasan medo, o que claramente reflicte que demasiado a miúdo as mulleres temos o espazo público como un medio hostil, o que non debería ser así”, explica a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, quen recalca que esta problemática non se dá só nos campus universitarios, senón nos espazos públicos en xeral e, por iso, é un dos temas nos que xa se fai fincapé en diversos epígrafes recollidos no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

“Debido ás moitas queixas que nos chegan sobre os medos que pasan as rapazas cando saen dos campus a certas horas tivemos a idea de lanzar esta serie de vídeos, máis que nada co obxectivo de evidenciar que existe un problema, que ás veces as alumnas saen das aulas con medo a percorrer determinados espazos dependendo que hora sexa, algo que non tiña que acontecer”, recalca a directora da unidade. Trátase, ao seu xuízo, de sensibilizar sobre esta temática para logo poder levar a cabo determinadas medidas que axuden a lograr que os campus sexan máis seguros. Entre estas medidas a responsable da Unidade de Igualdade menciona, por exemplo, a elaboración de mapas de camiños máis seguros, que inclúan, por exemplo, ademais de itinerarios recomendables, horarios de autobuses; a instalación de novos puntos de luminaria… É, en definitiva, tal e como recalca a responsable de Igualdade, “un punto de partida para que os camiños e o trazado urbanístico dos campus sexan pensados con perspectiva de xénero”.

A seguinte acción irá dirixida a previr as masculinidades tóxicas

Tras esta primeira acción e antes de que remate o ano, virán outras. A seguinte irá dirixida á prevención das masculinidades tóxicas (contra a cultura da violación e as pedagoxías da crueldade) e sensibilización á comunidade universitaria de xénero masculino sobre as novas masculinidades. “Logo, entorno ao 22-25 de novembro, coincidindo coa celebración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero sairán toda unha serie de micropílulas en vídeo contra o ciberacoso”, recalca Gómez.

Estas campañas culminarán este ano co lanzamento o vindeiro mes de decembro do calendario da Unidade de Igualdade de 2020 no que, a través de 12 textos coas súas correspondentes ilustracións, se recollen os principais resultados da diagnose que se fixo o ano pasado sobre acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo. “É a nosa particular maneira de facer transferencia deste estudo cos resultados máis divulgativos para a comunidade universitaria en xeral”, recalca a directora da unidade, quen adianta, que as accións comunicativas continuarán o vindeiro ano con novas accións.

Os videos

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM