A Universidade dáse a coñecer entre máis de 300 estudantes do Salnés nas Xornadas comarcais de orientación

A próxima semana celebraranse sesións no Barbanza e no Morrazo

A idea é achegarse ao futuro alumnado universitario e tamén aos seus profesores e orientadores, ofrecerlles a información precisa sobre o proceso de acceso á Universidade e amosarlles toda a oferta académica e complementaria que ofrece a Universidade de Vigo. Con estes obxectivos a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria puxo en marcha as Xornadas comarcais de orientación, nas que tanto persoal técnico como docentes se achegan a diferentes vilas de toda Galicia dando a coñecer os tres campus da institución académica.

O programa botou a andar o martes en Viveiro, para os institutos da Mariña occidental e hoxe venres tivo unha sesión en Vilagarcía para os centros do Salnés, con máis de 300 participantes, entre estudantes e persoal docente e orientador. A finalidade é achegar a Universidade de Vigo a todos os puntos posibles de Galicia, para o que se elixiron as principais cabezas de comarca facendo un chamamento aos institutos de educación secundaria da zona para participar. Nesta xornadas, o persoal da UVigo facilita información ás persoas asistentes sobre as probas de acceso, as ABAU, o proceso de admisión no sistema universitario, a oferta académica dos tres campus, as instalacións coas que conta a Universidade, os servizos e a vida académica, dende actividades culturais e deportivas, a aloxamento, bolsas, transporte e comedores. Como explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, este é un bo xeito de “darnos a coñecer”, porque segundo engade, o estudantado de secundaria coñece a Universidade de Vigo, “pero non coñece a oferta concreta que temos”. En canto ao persoal orientador, que si dominan a oferta, nestas sesións reciben información sobre novidades das ABAU, novos títulos e todos os servizos que ofrece a institución. Por outro banda, remarca a vicerreitora, “nós tamén temos un feedback e podemos coñecer que agardan, queren, coñecen ou necesitan os futuros estudantes universitarios para tomar decisión ao respecto”.

1500 persoas inscritas

Estas xornada comarcais tiveron as súas primeiras sesións o curso pasado, en concreto, a comezos deste 2019 en Verín e Ponteareas. Segundo Natalia Caparrini, a experiencia foi “moi positiva”, con moi boa acollida polos institutos da contorna, “que acudiron maioritariamente”. O programa para este curso comprende un total de oito xornadas, concentradas nestas próximas semanas, xa que como engade a vicerreitora “máis adiante os institutos teñen uns horarios moi axustados e moi pouco tempo, sobre todo no bacharelato, que é a quen están orientadas”. En total, e sen pechar os prazos de inscrición, a Vicerreitoría conta xo cunhas 1500 persoas inscritas.

En próximas datas as xornadas desenvolveranse en Ribeira para o Barbanza o día 12; en Cangas para O Morrazo o día 14; en Lalín para a comarca do Deza o 19; en Tui para os centros do Baixo Miño o vindeiro día 20; no Barco para Valdeorras o 26 e, finalmente, no Carballiño o día 3 de decembro.

Outras iniciativas para a captación de alumnado

Estas xornadas de orientación comarcais son tan só unha das propostas da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria na procura de dar a coñecer a institución e chegar ao potencial futuro alumnado. Así, ao longo do curso tamén están programadas outras actividades, como as xornadas de portas abertas dirixidas a familias e estudantes, que se celebrarán no mes de xuño nos tres campus. Tamén se están a organizar visitas guiadas aos campus para o alumnado de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos, nas datas que os centros as soliciten, así como obradoiros de asesoramento a equipos de orientación e equipos directivos de centros, que se desenvolverán no mes de xaneiro. Outra opción son nas charlas de orientación, tanto xerais como específicas, nas que persoal técnico, docente e estudantes dos últimos cursos se achegan aos institutos para dar a coñecer a oferta formativa e os servizos da Universidade de Vigo, así como os procesos de acceso. Tamén as asociacións de nais e pais e as familias poden solicitar ao longo do curso a celebración dunha destas sesións informativas nos centros.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM