A Universidade outorga os II Premios Consello Social UVigo-Humana á asociación Provivienda e ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Tamén se entregarán os premios aos mellores TFM/TFG en materia de Axenda 2030

A asociación Provivienda e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade son as entidades gañadoras dos II Premios Consello Social UVigo-Humana, galardóns cos que a Universidade e o seu Consello Social buscan recoñecer o labor desenvolto por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación. A entrega de premios será o vindeiro 18 de decembro na sala 1 do edificio Miralles nun acto con carácter semipresencial que será retransmitido por UVigo Tv e no que tamén se entregarán os premios aos mellores TFG/TFM en temáticas relacionadas coa Axenda 2030.

No caso de Provivienda, premio correspondente  á categoría de ámbito galego, o xurado valorou en conxunto a traxectoria desta asociación, salientándose especialmente a súa actividade en Galicia. “Provivienda inicia a súa actividade nesta comunidade a principios do ano 2017 pero neste breve espazo de tempo vén desenvolvendo un importante labor en todo o relativo ao acceso a vivenda dende unha perspectiva integradora”, tal e como se explica na resolución.  Na actualidade ademais da sede en Vigo establecéronse tamén en Ourense e están comezando a súa actividade en Santiago de Compostela. A comisión recoñece neste caso o impacto do traballo realizado por unha asociación que, a pesares de levar pouco tempo implantada en Galicia, facilitou xa o acceso a unha vivenda digna a máis de 300 persoas. Valorouse especialmente a variedade de colectivos en situación de vulnerabilidade atendidos pola asociación e que inclúe familias monoparentais, persoas migrantes, persoas novas, persoas con diversidade funcional, minorías étnicas, refuxiados e solicitantes de protección internacional.

A categoría de ámbito internacional foi neste caso para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que dende o ano 1997 vén realizando labores de cooperación internacional para o desenvolvemento cos países do sur e a sensibilización da cidadanía galega arredor dos retos e das desigualdades sociais. A comisión valorou moi positivamente o enfoque descentralizado da rede, “asumindo que o Estado non é o único actor con responsabilidade no ámbito da redución da pobreza e as desigualdades entre norte e sur”. Valoráronse tamén os logros acadados superando na actualidade os 150 proxectos desenvolvidos en máis de 20 países, entre eles Nicaragua, Cuba, Perú, Cabo Verde, Mozambique e os territorios palestinos.

Seis premios aos mellores TFG/TFM relacionados coa Axenda 2030

O acto servirá tamén de marco idóneo para a entrega dos premios aos mellores TFG/TFM en temáticas relacionadas coa Axenda 2030. En total recibirán o premio cinco alumnas e un alumno: polo ámbito de Arte e Humanidades, María Doira Barrio, alumna do Grao en Belas Artes, polo traballo El capital me sienta mal; en Ciencias e Ciencias da Saúde, Marta Pita, do Máster Universitario en Investigación Química e Química Industrial, polo traballo Rol de los marcadores químicos y la tecnología Blockchain en la trazabilidad de fibras sostenibles; en Ciencias Sociais e Xurídicas, Lucía Belén Rendo e Deborah Celeste Prieto, alumnas do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, polos traballos Aplicación de las ciencias del comportamiento a la segregación de residuos. Un estudio en el Hospital Álvaro Cunqueiro e RSEduca: El centro educativo como eje transformador para la sostenibilidad y valores en la educación. Por último, en Enxeñaría e Arquitectura, os galardóns entregaranse a Natalia Úrsula García, do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial, polo traballo La innovación en el centro de la transformación del modelo tradicional de asistencia social. Análisis de las sinergias entre la aplicación de las TIC y la creación de redes de actuación colaborativas; e Duarte López, do Grao en Enxeñaría Mecánica, por Estudio y caracterización de reductoras y limitadores de par magnéticos.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario