A UVigo destina 90.000€ a paliar os efectos económicos da pandemia nas familias

O alumnado que cumpra os requisitos pode solicitar as axudas ata o 19 de febreiro

O estourido da pandemia da covid-19 na pasada primavera xerou un impacto repentino non só na saúde, senón tamén na economía de moitas familias afectadas por ERTEs, despedimentos, peches de negocios ou redución de ingresos. Para que esta situación non afecte negativamente ao rendemento académico do alumnado, a Universidade de Vigo puxo en marcha unha serie de medidas extraordinarias en materia de axudas ao alumnado máis vulnerable. A primeira convocatoria publicouse en maio e beneficiou a preto de 200 estudantes. Agora, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria lanza unha nova proposta de axudas cun orzamento total de 90.000€ para o alumnado afectado pola declaración do estado de alarma “que lle impida ou dificulte a continuidade dos seus estudos”, como recolle a Resolución Reitoral. A finalidade, explica a vicerreitora, Natalia Caparrini, é que “o alumando que ten menos recursos económicos teña igualdade de oportunidades, que é o que se pretende desde unha universidade pública”.

As bolsas cobren ata o 100% do prezo da matrícula, o que supón unha novidade respecto da convocatoria de maio, na que se cubría o 50% xa que, como resalta Caparrini, “a pandemia afectou a partir do segundo cuadrimestre” e, desta volta, semella que “afectará a todo o curso académico”. De feito, a vicerreitora recoñece que “se ben é verdade que distintas administracións, e mesmo empresas privadas, están dando axudas, polo que vemos a diario en prensa, televisión e ao noso redor, séguense dando situacións dramáticas”. Por iso, recalca, “o obxectivo ao que deberíamos chegar é que ningunha persoa se quede sen estudos universitarios por motivos económicos, sexan estes debidos á pandemia ou a calquera outra circunstancia”.

Axudas por motivos económicos ou por ter que reintegrar a bolsa do Ministerio

Poden solicitar estas axudas os estudantes matriculados en calquera titulación de grao, mestrado ou doutoramento de centros propios da Universidade de Vigo no curso 2020/2021 que se encontren nunha das dúas seguintes casuísticas. Por unha banda, atoparse desde o 1 de setembro de 2020 algún membro da unidade familiar en situación de desemprego ou ERTE; ser traballador por conta allea e ter reducido a xornada laboral por coidados como consecuencia directa da covid-19; ser traballador por conta propia e ter concedida a prestación extraordinaria por cese de actividade ou ser traballador do fogar e ter concedido o subsidio extraordinario por falta de actividade. Por outra banda, e como novidade respecto da convocatoria do ano pasado, tamén poden solicitar estas axudas as e os estudantes que teñan que reintegrar a bolsa do Ministerio de Educación e Formación Profesional do curso 2019/2020 por baixo rendemento académico debido a causas derivadas da pandemia, como enfermidade da persoa solicitante ou dalgún outro membro da unidade familiar.

Prazo de solicitude aberto ata o 19 de febreiro

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria está aberto ata o 19 de febreiro e o pagamento da bolsa efectuarase no prazo de un mes desde a resolución de adxudicación. Esta axuda é incompatible con calquera outra concedida para a mesma finalidade, polo que so é compatible coa bolsa de carácter xeral MEFP no que respecta ás materias cuxos prezos públicos non son obxecto de bolsa xeral (segundas e posteriores matrículas).

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario