A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave

Os exames que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar no DOG permiten ás persoas que non teñen aprobada a ESO ou o Bacharelato o acceso aos cursos formativos de certificados de profesionalidade

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave, uns exames que permiten ás persoas sen ESO ou Bacharelato o acceso aos cursos de formación vinculados aos certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Estas probas, polo tanto, diríxense ás persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO para o nivel 2 ou Bacharelato para o 3) requiridos para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade, co fin de que a través destas probas podan demostrar que posúen os coñecementos e capacidades básicas que lles permitan acceder e cursar con aproveitamento esta formación para o emprego.

Os interesados en realizar estas probas- de matemáticas, lingua castelá, inglés e galego- poderán presentar a súa solicitude ata o próximo 29 de marzo. A publicación da lista provisional de admitidos será o 30 de abril e ata o 7 de maio poderán presentarse alegacións. A publicación da lista definitiva terá lugar o 22 de maio. Os exames terán lugar o 25 de maio no Recinto Feiral de Silleda. As probas para o nivel 2 serán na quenda de mañá e para o nivel 3 pola tarde.

O modelo de solicitude estará dispoñible na guía de procedementos de servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. A Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón, ademais, dun enderezo específico onde se pode atopar toda a información e documentación necesaria, sobre este procedemento: http://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=topic_0145.html.

A porcentaxe de persoas que resultaron aptas para o nivel 2 na convocatoria de 2018 foi dun 70% e dun 60% para o nivel 3.

A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2009 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. A iniciativa busca fomentar a calidade da formación profesional para o emprego mellorando o perfil profesional das persoas e motivándoas para progresar no eido do emprego e na formación co obxectivo último de acadar a inserción no mercado de traballo. Entre 2009 e 2018 solicitaron participar nestas probas preto de 32.400 persoas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM