A Xunta activa apoios por 16 M€ para a implantación de medidas de protección no sector comercial, o turismo, os servizos e o transporte

Autónomos, pemes e entidades de economía social poden presentar xa as solicitudes dos programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, cos que se apoia a adquisición de equipos de protección, a adaptación dos espazos, a realización de obras e a posta á disposición de información para os clientes

Autónomos, pemes e entidades de economía social poden solicitar xa as axudas das dúas liñas de apoios pertencentes aos programas Reactiva Comercio Servizos Seguros, dotados en total con 16 millóns de euros. A iniciativa, na que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade, ten por obxectivo impulsar a reactivación dos sectores dos servizos, o comercio, o turismo e o transporte apoiando a instalación de medidas de protección que garantan a seguridade de traballadores e clientes. O prazo de presentación de solicitudes, en concorrencia non competitiva, permanecerá aberto ata o 31 de xullo ou ata o esgotamento do crédito.

As liñas achegarán apoios inmediatos a establecementos galegos para facilitar a súa volta á actividade ofrecendo a máxima confianza aos consumidores no novo contexto económico, ao tempo que, no marco do programa Galicia destino seguro, favorecen a adaptación á nova situación, promocionando a Comunidade como un destino fiable e de calidade.

Mediante unha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados, poden obterse apoios para iniciativas novas ou xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. Destinaranse a cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

Por unha banda, establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros. Neste caso, os gastos subvencionables tamén inclúen a formación específica das persoas para aplicar protocolos e prácticas de seguridade adaptados ás normativas e recomendacións sanitarias e os custos relacionados coa obtención de certificacións de garantía de seguridade fronte á covid-19.

No caso do sector do transporte, poderán beneficiarse destas axudas os profesionais do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros (agás o sector do taxi para o que se teñen habilitado axudas específicas), o transporte de mercadorías por estrada e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre. Empresas e autónomos deste sector poderanas solicitar para implantar medidas ou dotarse de material de protección e hixiene.

Para facilitar a xestión, os solicitantes das axudas de calquera das dúas liñas terán a posibilidade de utilizar o Igape Responde, a xanela única de consulta habilitada pola Xunta para asesorar a autónomos e pemes sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial, dispoñible no correo electrónico igaperesponde@igape.es e no teléfono gratuíto 900 815 151.

Plataforma gratuíta de autodiagnóstico online

Os programa Reactiva Comercio e Servizos Seguros súmanse á nova plataforma gratuíta de autodiagnóstico online activada pola Xunta, coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer.

Dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.gal, esta ferramenta achega as claves para garantir seguridade e confianza á clientela na volta á actividade, con diferentes recomendacións sanitarias e de prevención. Coa presentación das solicitudes para acollerese ás axudas do programa, os solicitantes dos sectores do comercio, os servizos, o transporte e as actividades profesionais deben presentar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM