A Xunta destina 2,5 M€ á súa convocatoria de axudas á produción audiovisual cun incremento do 25% respecto a 2019

Trátase dunha das principais liñas do programa autonómico de apoio ao sector que este ano será reforzado co Plan de Reactivación da Cultura e o Turismo para facer fronte aos efectos da crise sanitaria

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa convocatoria anual de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, que en 2020 experimentan un aumento do 25% respecto ao ano pasado e elevan a súa dotación ata os 2,5 millóns de euros. Esta contía destinarase integramente a cofinanciar novos proxectos de cinema e de televisión promovidos por produtoras galegas independentes.

Trátase da principal liña de axudas do programa xeral de apoio a este sector, que a Consellería de Cultura e Turismo desenvolve anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que en 2020 será reforzado no marco do Plan de Reactivación da Cultura e do Turismo, aprobado o pasado xoves polo Consello da Xunta. O devandito plan de choque suporá un investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo nos respectivos ámbitos de actuación.

Novidades

No caso das axudas a producións e coproducións cinematográficas e televisivas, outra das novidades destacadas refírese á ampliación de tres a catro anualidades tanto para a distribución das contías concedidas como para a súa xustificación por parte das empresas adxudicatarias en catro das cinco categorías convocadas: longametraxes cinematográficas de ficción (modalidade A), de animación (modalidade B) e documentais (modalidade C), así como producións e coproducións para a súa emisión televisiva (modalidade E). Pola súa banda, mantéñense as dúas anualidades no caso da modalidade D, destinada a curtametraxes.

Tanto o aumento orzamentario como a ampliación dos períodos de xustificación buscan lograr unha mellor adaptación desta convocatoria aos tempos e procesos de produción audiovisual, dando así resposta ás necesidades específicas do sector. Neste mesmo sentido, cóntase coa autorización do Consello da Xunta para aumentar por riba do 50% o anticipo que as beneficiarias poderán solicitar sobre a axuda concedida, así como para quedar exentas do depósito de garantías, de xeito que poidan enfrontar economicamente producións de certa envergadura cando dispoñan da correspondente capacidade de financiamento e se atopen nun avanzado estado de execución dos proxectos.

O prazo de solicitude será dun mes, que comezará a contar a partir da reanudación dos termos administrativos suspendidos durante o actual estado de alarma, agás no caso de renuncia expresa a esta suspensión por parte dos solicitantes.

Reactivación das convocatorias

Coa publicación destas bases, a Consellería de Cultura e Turismo retoma as convocatorias especificamente dirixidas ás industrias culturais seguindo as indicacións do acordo para a reactivación das subvencións aprobado polo Consello da Xunta o pasado 24 de abril. En referencia ao ámbito cultural, estes procedementos de fomento foron cualificados de esenciais pola súa vinculación ao servizo público, á protección do interese xeral ou ao sostemento do tecido industrial nun ámbito especialmente afectado pola crise provocada pola pandemia do Covid-19.

No que respecta ás axudas á produción e coprodución audovisual e tal e como se establece nas súas bases, a prioridade é atender as necesidades dun sector cultural considerado estratéxico para Galicia, de xeito que se contribúa ao mantemento dunha industria audiovisual competitiva, con posibilidades de exportar e de darlle rendibilidade social e económica á cultura galega.

Proxección internacional

Neste sentido, sobresae a proxección internacional acadada no último ano por varios dos títulos que contaron con investimento autonómico para a súa produción. É o caso da multipremiada O que arde, de Oliver Laxe, ou de O sabor das margaridas, de CTV, primeira serie en galego emitida en Netflix e subtitulada a 30 idiomas; así como das destacadas seleccións en festivais de Longa noite, de Eloy Enciso; Arima, de Jaione Camborda; o documental A media voz, producido por Matriuska, e Lúa vermella, de Lois Patiño. Así mesmo, xa está en marcha a produción da serie 3 caminos, pola que Ficción Producciones resultou adxudicataria da convocatoria especial dunha subvención audiovisual da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, mentres que a coprodución galego-portuguesa Auga Seca, para a que Portocabo contou tamén co apoio do programa europeo Media, estreouse na TVG, na RTP portuguesa e recentemente en HBO.

Ademais, entre os proxectos que agardan a súa chegada ás pantallas en canto se normalice a exhibición en salas cinematográficas atópanse A illa das mentiras, de Paula Cons; e Ons, de Alfonso Zarauza, actualmente en fase de postprodución.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM