A Xunta pon en marcha unha páxina web para difundir entre os axentes do sector as axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Este espazo estrutúrase en oito seccións que inclúen información do fondo de financiamento pesqueiro, das axudas, respostas a preguntas frecuentes, exemplos de boas prácticas e unha parte dedicada á participación cidadá

Unha páxina web da Consellería do Mar ofrece ao sector e aos axentes interesados información e asesoramento relacionado coas axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Neste espazo, dedicado exclusivamente ao fondo FEMP, as persoas interesadas poden acceder ás convocatorias vinculadas a esta ferramenta de financiamento pesqueiro, ás resolucións de concesión das axudas e tamén a información sobre como acceder a elas e sobre os requisitos necesarios.

Con ese obxectivo a páxina web estrutúrase en oito seccións. A área de inicio e a sección FEMP definen que é o fondo, cales son as súas prioridades e como funciona. O apartado dedicado ás axudas permite aos usuarios consultar toda a información relativa ás convocatorias de axudas, así como as axudas concedidas. Ademais permítelles realizar un filtrado por subsector de procedencia e tipo de beneficiario.

A sección de documentación compila documentos de interese relacionados co fondo europeo de financiamento pesqueiro, entre outros os criterios para o financiamento de operacións co FEMP, que se van revisando de acordo coas necesidades do programa. Nesta sección tamén se pode acceder a un documento do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA) con preguntas e respostas sobre aspectos xerais e concretos do fondo.

Outra parte da web é a de FAQs, onde os usuarios poden consultar as respostas ás preguntas máis comúns sobre o fondo de financiamento pesqueiro. Tamén teñen á súa disposición unha sección de actualidade, na que poden acceder a algunhas novas relacionadas co fondo en Galicia.

A maiores, no apartado de boas prácticas, os usuarios poden ver exemplos da aplicación real destes fondos, a través de proxectos subvencionados co FEMP. Un deles é o selo de calidade pescadeRías para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal de Galicia. Outros son dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) como o proxecto Descarpesc, do GALP da ría de Pontevedra e que consiste nun estudo para a avaliación dos descartes producidos pola frota artesanal do porto de Bueu, ou a fabricación, distribución e venda de bombóns de mar, iniciativa financiada ao abeiro do GALP A Mariña-Ortegal.

A última sección da web está dedicada á participación cidadá e nela as persoas que o desexen poden emitir os seus comentarios e suxerencias sobre a web ou en relación ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Así, o obxectivo desta web, á que se pode acceder a través deste enlace ou da páxina web da Consellería do Mar, é ofrecer nun único espazo toda a información relacionada co FEMP en Galicia e facilitar o seu acceso aos potenciais beneficiarios deste fondo. Ao mesmo tempo, busca incentivar a participación na presentación de proxectos que redunden na mellora da competitividade e posta en valor dos sectores do mar de Galicia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM