A Xunta presenta aos axentes do sector agrogandeiro a iniciativa Primare de inspeccións intelixentes

O vindeiro 17 de setembro terá lugar en Forcarei a primeira xornada Primare Demo-Days para dar a coñecer os retos e oportunidades dase inspeccións intelixentes avanzadas asociadas ás axudas da Política Agraria Común (PAC)

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organiza o vindeiro 17 de setembro en Forcarei a primeira xornada Primare Demo-Days para dar a coñecer as oportunidades e retos do proxecto piloto de innovación ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ para a automatización dos controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC).

É o primeiro dos dous encontros previstos para dar a coñecer a responsables de explotacións agrarias, en especial dos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC), o potencial do uso de medios tecnolóxicos para aumentar a eficiencia e reducir a complexidade da realización dos controis asociados ás axudas da PAC.

O programa inclúe, ademais, a presentación de futuras aplicacións para que os agricultores se involucren de forma activa nos procesos de inspección da PAC e se beneficien de servizos de valor engadido para facilitar a xestión das explotacións agrarias.

Así mesmo, incorpórase unha actividade de campo para os que estean interesados en coñecer o funcionamento do uso de medios aéreos non tripulados – drons – para a captura e xestión de información xeográfica, territorial e agroambiental xeorreferenciada das explotacións.

No mes de outubro está prevista unha segunda convocatoria da xornada que terá lugar no concello de Meira (Lugo). A asistencia a calquera das xornadas é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/

Proxecto Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas

O proxecto Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro, e en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados, e outros sistemas tecnolóxicos).

Trátase do primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, que conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto “CIVIL UAVs Initiative“.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM