A Xunta recúa ante a mobilización contra a súa intención de converter as universidades galegas en semi-presenciais

CIG-Ensino saúda esta rectificación pero advirte que se manterá vixilante

A Consellaría de Educación acaba de facer público que lles retira ás universidades públicas galegas a súa proposta para implantar a docencia mixta con carácter masivo o vindeiro curso académico. Unha decisión moi polémica e que contou cunha forte oposición por parte de toda a comunidade educativa vinculada á universidade. Para a CIG-Ensino esta rectificación é unha pequena vitoria fronte ás intencións privatizadoras da Xunta ao respecto do sistema universitario galego “que ten que seguir mantendo a súa esencia como ensino presencial e igualitario, incluso nun horizonte no que o vindeiro curso se manteña a situación de pandemia actual”.

Finalmente a presión mobilizadora promovida pola CIG-Ensino e outros sindicatos, así como do profesorado e o persoal de administración e servizos das tres universidades públicas galegas, conseguiu que a Xunta dea marcha atrás no documento que lle foi presentado o pasado 6 de maio aos reitores e no que se apostaba pola conversión da maioría dos títulos académicos en semi-presenciais o vindeiro curso coa escusa de que nos últimos meses houbo que realizar unha adaptación á teledocencia por mor da pandemia da Covid-19.

Diminución do profesorado e aumento dos recortos

A CIG-Ensino foi a primeira organización sindical en alzar a voz “contra esta aberración”, advertindo que na práctica ía supor unha diminución do profesorado, unha consolidación e incremento dos recortes xa levados a cabo nos últimos anos, e un deterioro clarísimo do ensino universitario “que se basea na convivencia nas aulas, no aproveitamento dos recursos das distintas facultades, no fomento do traballo en equipo, na interacción directa alumnado/profesorado e tamén na propia vida universitaria que supón a independencia por primeira vez na vida de moito do seu estudantado”.

Cómpre lembrar a información feita pública polo sindicato o pasado venres de que o borrador do Programa de transformación á docencia innovadora no sistema universitario galego incluía un proxecto de liquidación dos títulos presenciais coa finalidade de que no próximo curso 2021-2022 a maioría deles sexan semi-presenciais, impartíndose toda a docencia teórica online. Xa en setembro de 2020 se pretendía que moitas titulacións fixeran ensaios nese sentido, alterando a organización dos cuadrimestres, concentrando a docencia, coartando as vías de avaliación posíbeis e suprimindo a docencia presencial teórica.

O plan coincide coa posta en marcha da primeira universidade privada en Galiza

Tal e como denunciou a CIG-Ensino este plan non era inocente e coincide no tempo coa posta en marcha da primeira universidade privada en Galiza promovida pola entidade financeira Abanca. “Con el a Xunta en mans do PP buscaría restar espazo ás universidades públicas, desfigurándoas e facendo que perdan a súa esencia como espazo de produción e de intercambio de coñecemento, ideas e vivencias; como referentes da investigación e da innovación e como alicerce do progreso e avance do noso país”.

O seguinte paso, como se pode intuír, sería prescindir dunha boa parte do profesorado e substituílo por colaboradores docentes altamente precarizados e sen conexión coa misión investigadora, como sucede nas universidades a distancia existentes, un modelo que rexeitamos de pleno.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM