A Xunta rexistra no Parlamento a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia para acadar o máximo consenso na súa tramitación

Con este procedemento dáse cumprimento ao compromiso asumido ao respecto pola Consellería do Medio Rural na Comisión de Estudo sobre a política forestal

A Xunta vén de rexistrar hoxe no Parlamento galego a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), para a súa tramitación consonte ao establecido no regulamento da Cámara autonómica. Malia que se trata dun Decreto do Goberno galego, e que polo tanto non precisa ser aprobado polo Parlamento, este trámite dá cumprimento ao compromiso adquirido pola Consellería do Medio Rural, José González, no seo da Comisión de Estudo sobre a política forestal, no sentido de procurar o máximo consenso posible nesta primeira revisión. Nesta mesma liña, o Plan xa foi avaliado tamén polo Consello Forestal de Galicia.

Deste xeito, os diferentes grupos parlamentarios poderán facer as achegas e propostas de resolución que consideren oportunas. O documento someterase á consideración da Comisión 7ª da Cámara e finalmente ao Pleno, no que se debaterán e votarán estas propostas previsiblemente na última semana de febreiro. Logo o Plan volverá ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor, que está prevista ao longo do primeiro semestre deste ano.

Esta primeira revisión do PFG elaborouse dando cumprimento a case o 75% das recomendacións do ditame da devandita Comisión forestal, e estase a ultimar baixo a premisa de acadar un amplo consenso sectorial e da sociedade galega en xeral. Así, en concreto, atendéronse 92 recomendacións parlamentarias dun total de 123. Ademais, as restantes recomendacións que implican á Consellería do Medio Rural están incluídas no borrador da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite na Cámara autonómica. A maiores, o documento de revisión do PFG recolle máis de 100 directrices do Grupo de Traballo creado en 2015 ao efecto dentro do Consello Forestal de Galicia.

Nesta revisión contémplase ademais a creación do Inventario Forestal Continuo, con información precisa e actualizada do monte galego a partir da que se poden ir reorientando as decisións de planificación e ordenación forestal. A maiores, prevense informes anuais, así como a revisión de obxectivos cada cinco anos no Consello Forestal e en comisión parlamentaria, para ir adaptando o Plan se fose necesario.

Monte galego do futuro

O PFG establece unha proxección do monte galego do futuro para o período 2021-2040, cunha serie de grandes obxectivos e indicadores. Un dos máis destacados é o investimento previsto no monte galego ata o ano 2040, que acadará os 4.900 millóns de euros, incluíndo tanto fondos públicos (arredor de 4.000 millóns) como financiamento privado dos titulares ou xestores dos terreos forestais.

De acordo co Plan establécese, entre as súas principais finalidades, acadar as 425.000 hectáreas de frondosas e, no caso do castiñeiro, actuarase en 8.000 hectáreas nos próximos 20 anos para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán outras 16.000 ha tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira.

Sobre o eucalipto, planifícase unha redución do 5% da superficie con presenza desta especie chegados ao ano 2040, traballando para que un total de 20.000 hectáreas se convertan en masas doutras árbores. Ao tempo, mellorarase a xestión e a produtividade dos eucaliptais xa existentes, reforzarase o control das novas plantacións, potenciarase a silvicultura e reducirase a combustibilidade das masas mediante a xestión activa. En relación coas coníferas, especialmente o piñeiro, fomentaranse as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando a superficie que ocupan estas árbores en 20.000 ha en 20 anos.

Partindo destas premisas, o obxectivo é mobilizar os recursos madeireiros que permitan atender as demandas da industria en relación á madeira e á biomasa, acadando unhas cortas anuais de ata 12 millóns de metros cúbicos en 2040, fronte aos algo máis de 9 millóns actuais. Outras liñas de traballo teñen que ver control das especies invasoras (especialmente acacias), mediante un programa que abranguerá 1.000 ha, ou a loita biolóxica contra a avespiña ou o cancro do castiñeiro.

Outro compoñente fundamental do PFG será a mobilización das terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas mediante un millar de aldeas modelo, 150.000 ha de polígonos agroforestais ou acadando en 2040 as 150.000 ha baixo algún tipo de figura de xestión conxunta. Márcase, así mesmo, a finalidade de chegar a un total de 850.000 hectáreas baixo algún instrumento de ordenación ou xestión forestal sustentable.

Loita contra os lumes

Unha prioridade do Plan continuará sendo a loita contra os lumes forestais. Neste sentido, prevese ter lista na primeira metade desta lexislatura a nova Lei de prevención e defensa contra os incendios, un proceso participativo que virá tamén da man da reorganización dos distritos e da especialización de axentes facultativos medioambientais en materia de investigación de incendios forestais. A maiores, elaborarase de xeito participativo un plan plurianual para a definición das instalacións, dos equipamentos e dos recursos necesarios para as sedes de distrito, talleres, almacéns, garaxes, puntos de encontro, puntos de vixilancia e bases de medios aéreos.

Dentro do fomento dos recursos forestais non madeireiros, porase en marcha un programa de aproveitamento de pastos e forraxes en monte e de establecemento de sistemas silvopastorais, concretándose como obxectivo final chegar ás 225.000 hectáreas de superficie para esta actividade en toda Galicia en 2040.

Outro ámbito de actuación é o da cadea monte-industria. Vaise incidir na súa modernización e en procurar que sexa altamente cualificada, produtiva e que elabore produtos de madeira ou baseados en madeira cun alto valor engadido. Farase mediante iniciativas coma o programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, con, entre outras, 250 accións de formación e profesionalización de propietarios e/ou xestores de montes nos seguintes 20 anos. Tamén, cun programa de fomento da investigación, desenvolvemento e innovación forestal dotado con 135 millóns de euros en todo o período de vixencia e promovendo a cooperación e coordinación para mellora da formación forestal universitaria e profesional en Galicia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM