Aberto o prazo para que os docentes inscriban as súas materias no catálogo English Friendly

As persoas matriculadas teñen acceso ás titorías, exames e a todo o material en inglés

Dentro do proceso de internacionalización e co obxecto de aumentar a presenza do inglés na universidade e facilitar a recepción de estudantes estranxeiros, a UVigo abriu hai uns días o prazo para que aqueles docentes que estean interesados poidan inscribir as súas materias no catálogo English Friendly, materias de graos oficiais da Universidade de Vigo que se imparten en castelán e/ou galego, pero nas que os seus profesores adquiren toda unha serie de compromisos, incluído facilitar materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia en inglés, atender as titorías e, incluso, deseñar e implementar probas e avaliacións neste idioma.

O carácter English Friendly da materia debe estar indicado na súa guía docente, documento que, ademais, o alumno internacional pode consultar integramente en inglés. O curso pasado a oferta de materias deste tipo alcanzou case as 150 en escolas e facultades dos tres campus e a previsión é ir ampliando a oferta. Neste sento, os docentes interesados en inscribir as súas materias neste catálogo deben cubrir o correspondente formulario antes do vindeiro 15 de xullo.

Pioneiros en Galicia na implantación deste tipo de catálogo

A Universidade de Vigo foi pioneira en Galicia na implantación deste tipo de catálogo. Fíxoo por primeira vez o curso pasado, collendo como exemplo outras experiencias exitosas que se desenvolveron noutras universidades españolas (País Vasco, León, Burgos, La Rioja…). Tratábase de pór en marcha unha nova ferramenta dirixida a facilitar a integración do alumnado internacional na propia Universidade de Vigo, unha axuda non só para o alumnado de fala inglesa, senón para calquera moza ou mozo europeo ou asiático que queira mellorar o seu español pero coa seguridade de que non vai ter problemas para realizar o seguimento das clases. “Foi a primeira vez que se lanzou esta convocatoria e a resposta do profesorado foi moi positiva”, subliñaba nese intre a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, ao tempo que explicaba que esta iniciativa foi “especialmente ben recibida” entre o profesorado que xa ofrecía por propia iniciativa ese reforzo en inglés “tanto en forma de titorías, como de materiais e de posibilidade de avaliación nesa lingua aos estudantes de intercambio que o precisaban, pero sen que constase de forma oficial”.

Este curso impartíronse integramente en inglés máis de 200 materias

Ademais das English Friendly, a Universidade dispón tamén dun amplo catálogo de materias que se imparten integramente en inglés. Este ano foron máis de 200, contabilizando, dunha banda, a oferta de materias de grao incluídas dentro do Plan de Internacionalización (115 no campus de Vigo –sen contar centros adscritos-, 13 no de Pontevedra e dez no de Ourense) e, da outra, as arredor de 80 disciplinas que se imparten neste idioma nos diferentes mestrados.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM