Abren a convocatoria de axudas para a mellora das escolas infantís e puntos de atención á infancia dependentes das corporacións locais

A orde publicada no DOG é de axudas destinadas a obras de adecuación e mellora nos centros, así como para a compra de equipamento e mobiliario e para a integración das novas tecnoloxías nas aulas

A Xunta de Galicia abre hoxe e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para a concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde que regula a concesión destas axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Ademais, esta medida forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia).

Esta convocatoria conta cun crédito total de 712.000€. Con este importe serán subvencionables tanto as obras menores de adecuación e mellora das devanditas infraestruturas como obras novas que non precisen de proxecto técnico e melloren a accesibilidade ou doten ao edificio de servizos necesarios. Así mesmo, entran dentro desta orde de axudas a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e material didáctico e de xogo. A convocatoria tamén subvenciona a dotación de conexión a internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.

Financiarase ata o 100% do investimento subvencionable e unha contía mínima de 10.000€ por centro e máxima de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e unha cantidade mínima de 5.000€ e máxima de 15.000 euros para as destinadas a equipamento e novas tecnoloxías na aula. Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude.

Este é o cuarto ano consecutivo no que a Xunta habilita esta liña de financiamento á mellora de centros de atención á infancia que son xestionados polas corporacións locais. Deste xeito, a Administración autonómica atende á totalidade da rede galega de recursos para menores de 0 a 3 anos, ben sexa de titularidade autonómica, municipal ou de iniciativa social. O obxectivo é que as nenas e nenos teñan as mellores instalacións, favorecendo ambientes adecuados ás súas necesidades.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM