Abren o prazo de dous programas de inserción sociolaboral dos que se beneficiarán máis de 500 persoas en risco ou situación de exclusión

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 3,3M€ á nova iniciativa de inclusión para o emprego e volve convocar os apoios dirixidos ás empresas de inserción laboral

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas ordes de axudas, enmarcadas na Estratexia de Economía Social, destinadas a favorecer a inserción sociolaboral das persoas en risco ou situación de exclusión.

Por unha parte, está aberto o prazo do novo programa de inclusión para o emprego, dotado con 3M€ co obxectivo de apoiar entre 5 e 10 proxectos integrais de capacitación e inserción laboral de dous anos de duración dos que se poderán beneficiar ata 500 persoas. Está dirixido a fundacións e asociacións que teñen como finalidade a inserción ou inclusión sociolaboral dos colectivos desfavorecidos, que teñan desenvolvido durante alomenos 3 dos últimos 5 anos programas dirixidos especificamente a este fin. Os destinatarios serán persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga ou membros da súa unidade familiar.

A segunda iniciativa son as axudas dirixidas a empresas de inserción laboral, nas que se investirán 380.000 euros para promover a inserción sociolaboral de ao redor de 60 persoas en situación ou risco de exclusión social e que contan con dous tipos de apoios: un para o custo salarial destas persoas traballadoras; e outra liña para compensar os custos adicionais como apoios para a asistencia técnica, para o inicio e posta en marcha da actividade, para a creación e ampliación de novos postos, para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción e de orientación, así como para a formación das persoas en proceso de inserción e para a mediación laboral.

Estas iniciativas dan resposta ao compromiso da Xunta por promover un emprego inclusivo en Galicia e, proximamente, sumarase a elas unha nova edición dos apoios aos concellos para a contratación de 700 persoas perceptoras da Risga en 165 municipios galegos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM