As axudas a programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero con cargo ao IRPF 2019 benefician a 24 entidades cun orzamento que supera os 500.000 euros

O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria, que contou cun orzamento que supera os 507.000 euros

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes, e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF para o ano 2019. As axudas beneficiaron a 24 entidades sen ánimo de lucro e contaron cun orzamento de 507.330 euros, despois da aprobación o pasado 19 de decembro dunha ampliación de crédito de 50.000 euros á convocatoria inicial, dotada con 457.000 euros.

A través destas axudas, as entidades do terceiro sector de acción social sen ánimo de lucro e a Cruz Vermella poden levar a cabo programas cos que promocionar a igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na nosa comunidade.

As subvencións financian, por unha banda, actuacións que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. No marco desta liña, fináncianse programas de acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade; programas de información e formación destinados a mulleres en situación de vulnerabilidade e do medio rural que impulsen o emprendemento e o autoemprego co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral; ou programas de conciliación para mulleres en situación de vulnerabilidade, que consistan en actividades de coidado de persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores.

Tamén se financian actividades formativas para o empoderamento e a participación activa das mulleres, en especial das que sofren situacións de vulnerabilidade ou as que residen no medio rural; así como actuacións para o tratamento da saúde integral e/ou sobre a sexualidade das mulleres.

Por outra parte, son subvencionables accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas como programas de acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas; xunto con actuacións de apoio e tratamento dirixidos especificamente a mulleres vítimas especialmente vulnerables como mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, maiores, que residen no rural, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas.

Axudas de Política Social

Onte tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de axudas con cargo ao IRPF que distribúe a Consellería de Política Social e que ascenden a un montante de 12,9 millóns de euros. Con este investimento impulsaranse 367 proxectos en 97 entidades de Galicia.

As actuacións que se financian con estas achegas correspóndense ao eixo da familia e a infancia, ao ámbito da inclusión social e a loita contra a pobreza; á area de Xuventude e o fomento do voluntariado; e ao eido da asistencia ás persoas maiores ou con discapacidade.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM