As profesoras África González, Beatriz Comendador e Lola Dopico participan na segunda tempada de ‘Universo Sostenible’ que emite TVE2

O obxectivo é que a comunidade científica responda sobre grandes temas de interese social

La Aventura del Saber é un dos programas máis recoñecidos de divulgación científica no panorama televiso español. En antena dende 1992 en TVE2, o ano pasado abriu unha nova fiestra á ciencia con Universo Sostenible, un espazo impulsado por 31 universidades coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología que se emite semanalmente dentro da estrutura do programa. A segunda etapa desta serie audiovisual, que arranca este mércores, está formada por 13 episodios e contará coa participación de tres investigadoras da Universidade de Vigo: África González, Beatriz Comendador e Lola Dopico. A finalidade desta proposta, que está coordinada polo grupo de traballo en Contidos Audiovisuais e Multimedia da Crue, é que a comunidade científica universitaria responda sobre algunhas das principais cuestións de interese social como a importancia das vacinas, a prehistoria, os deportes electrónicos, a economía colaborativa, as enfermidades tropicais ou os movementos migratorios.

Ciencia, de xeito directo e sinxelo

A presentación oficial da segunda tempada tivo lugar este luns na Universitat de Valencia e os seus responsables explicaron que os capítulos divídense en diferentes bloques audiovisuais montados de xeito dinámico e visualmente atractivo, para facilitar o achegamento á audiencia empregando unha linguaxe próxima e fácil de entender. Ademais, cada programa permite a posibilidade de multidifundir cada unha das súas secuencias por separado a través das redes sociais, e a posibilidade engadida de interactuar coa historia a través de calquera Smartv.

Universo Sostenible, que se emitirá os mércores ás 10.50 horas, ten unha duración de dez minutos e, de forma breve e sinxela, investigadores e expertos da comunidade universitaria achegan os seus coñecementos de temas emerxentes. Para afondar nestas temáticas, cada capítulo conta coa participación de seis expertas e expertos de diferentes universidades. No caso da Universidade de Vigo, a catedrática de Inmunoloxía e directora do Cinbio, África Gonzalez será a primeira en saír en antena, no capítulo 1 da temporada que se emitirá este mércores 9 de outubro centrado nas vacinas e a pseudociencia. Neste espazo exporanse os avances e estudos que a comunidade científica está a desenvolver no referido á epidemioloxía, a inmunoloxía ou as terapias xénicas, así como métodos bioinformáticos para o deseño de vacinas sintéticas ou, no eido da microbioloxía, os traballos na vacina MTBVAC contra a tuberculose, que podería substituír á actual.

A vindeira semana, o segundo episodio contará tamén representación da Universidade de Vigo, desta volta dende o campus de Ourense. A profesora Beatriz Comendador intervirá nun capítulo que se centrará nos estudos desenvolvidos para coñecer a prehistoria e a súa evolución. Así, abordaranse temas relacionados coa arqueoloxía, zooloxía, xeografía, historia, bioloxía vexetal e molecular, bioquímica e economía ambiental para que o público poida coñecer mellor os resultados de escavacións en covas, identificar as actividades comerciais ou a arte rupestre, así como o estudo das sociedades cazadoras e colleiteiras ou a convivencia do Neanderthal co Sapiens.

Cara o final da temporada, no capítulo 11 intervirá a profesora Lola Dopico, directora de Esdemga, para explicar como a tecnoloxía tamén é aplicable á arte co uso de Tecnoloxías da Imaxe, o deseño gráfico ou a estética, ademais da aplicación da música na neurociencia ou a realidade aumentada para eventos culturais.

O outros dez capítulos que completan esta segunda temporada abordarán temas como os retos do mercado de traballo coa revolución 4.0; a robótica ou a intelixencia artificial, a cidadanía dixital e os usos das tecnoloxías móbiles; o auxe dos e-sports ou deportes electrónicos; as claves da economía colaborativa; os retos do mundo rural e os novos modelos de desenvolvemento; un achegamento á economía e as finanzas; a educación do futuro e os novos modelos e ferramentas de aprendizaxe; os riscos de enfermidades infecciosas, principalmente tropicais; a saúde dende o punto de vista da nutrición, a biomedicina ou patoloxías dexenerativas e un derradeiro episodio sobre os movementos migratorios e a demografía.

A coordinación desta iniciativa corre a cargo do Taller Audiovisual da Universidade de Valencia-UV e a Unidade de Cultura Científica e Innovación da UV.

Éxito da pasada edición

A posta en marcha desta segunda temporada de Universo Sostenible é resultado da boa aceptación que tivo a primeira, que rematou en decembro de 2018. Nela, a Universidade de Vigo tamén estivo representada por tres docentes: Miguel Ángel Nombela, decano da Facultade de Ciencias do Mar, que participou nun capítulo sobre o clima e a súa evolución e os efectos do cambio climático na costa; o catedrático Pío González, do Departamento de Física Aplicada, que participou nun capítulo sobre os novos materiais e a nanotecnoloxía e as súas aplicación en campos como a nanofarmacia ou a nanomedicina e a profesora Ana Ulla, que achegou os seus coñecementos en astronomía nunha pílula titulada ¿Cuánto brillan las estrellas? 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM