O Campus do Mar recibe un premio ADENEX polo seu proxecto ‘Oceans of Plastic’

A iniciativa achega recursos gráficos para o profesorado e o público en xeral

Galardón ao proxecto Oceans of Plastics do Campus do Mar pola súa innovación na loita contra a contaminación mariña por plásticos. A Asociación para a Defensa da Natureza e os Recursos de Estremadura concedeu o Premio ADENEX 2018 no apartado científico a esta iniciativa, que naceu co obxectivo de informar, alertar e sensibilizar á sociedade sobre o uso excesivo de plásticos e o impacto que este tipo de residuos teñen no medio mariño. “Este premio supón un recoñecemento ao esforzo que o Campus do Mar fai para xerar retornos á sociedade aumentando o coñecemento que ten do medio mariño”, salienta Daniel Rey, director do Campus do Mar, quen recolleu o galardón en Plasencia acompañado do coordinador do proxecto, Jorge de los Bueis.

Con este galardón ADENEX recoñece a importancia que ten para a Universidade de Vigo “o desenvolvemento de recursos para pór a disposición do público e dos profesionais da educación como iniciativa para conseguir que a sociedade coñeza unha problemática ambiental tan importante como a dos plásticos mariños e adopte hábitos máis sustentables”. No intre de recoller o premio, Daniel Rey agradeceu a colaboración no proxecto da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología del Ministerio de Economía, Industria y Competitividad (Fecyt) e destacou a divulgación científica mariña como “unha ferramenta poderosa para conseguir que o coñecemento que xeramos nas universidades, e que non é propiedade nosa, chegue á sociedade e consiga sensibilizala e que haxa un cambio de hábitos”.

Recursos gráficos de alta calidade e cientificamente rigorosos

Un equipo multidisciplinar, formado por especialistas en Didáctica das Ciencias, Belas Artes, Comunicación e Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo e do Instituto Español de Oceanografía converteu, en Oceans of Plastics os datos máis relevantes das investigacións sobre o impacto dos plásticos no eido mariño en recursos gráficos de alta calidade e cientificamente rigorosos dirixidos, tanto ao público xeral, como ao profesorado, para que aborde nas aulas a realidade do impacto dos plásticos nos océanos. O resultado foron unidades didácticas, ilustracións e gifs animados que converten o coñecemento científico en contidos comprensibles polo público en xeral sobre un problema moi actual.

Todos os recursos gráficos xerados polo proxecto están dispoñibles de xeito gratuíto e en aberto na web de Oceans of Plastics.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM