Carmela Silva pon en valor o labor do Marisquiño pola promoción da igualdade

O Marisquiño, que se celebra en Vigo este ano entre os días 9 e 11 de agosto, forma parte do circuíto de Festivais Rías Baixas promovido pola Deputación

“Este ano volvemos estar de festa cun Marisquiño aínda máis potente, por difícil que pareza, que as edicións anteriores”, asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, esta mañá durante a presentación do Marisquiño 2019 na pista de skate do parque de Navia, en Vigo. A Presidenta provincial presentou un dos eventos que forman parte do circuíto de Festivais Rías Baixas promovido pola Deputación, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, o director do Marisquiño, Joako Ezpeleta, e a deputada de Turismo Rías Baixas, Ana Laura Iglesias.

Carmela Silva tamén felicitou á equipa do Marisquiño, que se celebra entre os días 9 e 11 de agosto no porto marítimo da cidade olívica, “polo seu cartel, no que quero que toda a xente repare, xa que representa a unha muller skater. Deste xeito, simbolízase o labor do Marisquiño pola promoción da igualdade e da visibilidade das mulleres, un sinal de identidade do festival”. A Presidenta provincial lembrou que “este ano a Deputación de Pontevedra volverá levar o seu proxecto contra as agresións sexuais e as violencias que sufrimos as mulleres”, as campañas ‘Lembra! Eu decido, ti respectas’ e ‘Conta comigo, eu respéctote’, “cun stand onde axentes de igualdade informarán sobre outro mundo no que os seres humanos nos relacionamos desde o afecto e non desde a dominación”. O cartel do festival, inspirado na carteleira rusa dos anos 40, forma parte das accións da Deputación de Pontevedra para a promoción da igualdade no Marisquiño.

Carmela Silva salientou a súa capacidade de atracción “con persoas de todo o mundo que veñen a Vigo” e tamén “o seu seguimento a través do streaming e de televisións de todo o mundo”. O Marisquiño, asegurou, “é un evento mundial que fai que Vigo sexa unha gran referencia do deporte urbano, porque con el celebramos os días grandes do deporte e da cultura urbana, e que está organizado por persoas con talento, con ideas e con moito traballo para construír un festival que é a envexa de moitos lugares”. Por iso “estou encantada”, afirmou Carmela Silva, “de que este sexa un dos grandes eventos nos que participa a Deputación de Pontevedra, á que o alcalde pediu que apoiara o Marisquiño con forza porque sempre tivo claro que era un grande evento”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que “seguiremos apoiando o festival todos os anos e faremos o que sexa necesario para que se siga celebrando en Vigo porque iso é o que quere a xente”. O rexedor puxo en valor que “o Concello e a Deputación apoiamos o Marisquiñocon preto de 500.000 euros”, dos que a Deputación achega 181.5000 euros, “xa que ademais do apoio loxístico o económico tamén é moi importante”. O director, Joako Ezpeleta, asegurou que “a seguridade está garantida ao 100% porque traballamos para que non houbese ningún perigo para deportistas e para público. Triplicamos o noso orzamento dedicado á seguridade e traballamos conforme a todas as normativas cun esforzo moito maior”.

O Marisquiño é o maior evento de cultura urbana e deportes de acción do sur de Europa e nel despútanse ata tres copas mundiais: a World Cup Skateboarding Street, a World Cup Skateboarding Miniramp e o Dirt FMB World Tour, todas elas puntuables en clasificacións internacionais e nas que se dan cita as e os mellores riders nacionais e internacionais. Ademais, dende o ano pasado súmase unha nova disciplina deportiva, o Basket 3×3 da FIBA, que en Tokio 2020 será olímpica. Nelas participarán deportistas de máis de 30 nacionalidades.

A Deputación de Pontevedra tamén estará presente no Marisquiño o 9 de agosto coa campaña “Experiencias SOStibles”, que promove o descenso do uso de plásticos, con accións de sensibilización e co reparto de materiais alternativos aos plásticos dun só uso, como as bolsas de tea, e utensilios que reduzan o impacto ambiental humano, como as eco-cabichas.

Ademais do deporte, O Marisquiño tamén acollerá actuacións como as de Nahno Selectah,High Paw, Yawners, Kaiko, Awwz, Fusa Nocta, Eric Bobo, Jota Mayúscula, Skank-Fu Hi-Fi Sound System, Ramiroquai DJ, Fran Laoren, Kyotto, Fran Laoren, Mery Oaks, Niña Coyote, Biznaga, EME DJ,Judah GT, DL Blando ou Grobas, entre outras apostas; un “Village Market” onde se desenvolverán e darán a coñecer proxectos relacionados coa cultura urbana e o deporte; e tamén 4 zonas gastronómicas, con food trucks e degustacións gastronómicas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (2)
Publicar comentario