Case 80 asociacións de veciños da provincia de Pontevedra beneficiáronse das achegas da Xunta con máis de 861.000 euros

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe con asociacións veciñais, comunidades de usuarios de auga e entidades de mulleres rurais da provincia para darlles a coñecer a convocatoria de axudas para 2020 que poden solicitar ata o 30 de xaneiro

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe na delegación territorial da Xunta en Pontevedra con asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e entidades de mulleres rurais da provincia para explicarlles a liña de axudas da Vicepresidencia para a dinamización do asociacionismo veciñal e que coñecesen as vantaxes de solicitar estas subvencións. Ao encontro tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Marta Fernández-Tapias lembrou que as achegas do Goberno galego no marco desta orde supuxeron un investimento de máis 861.000 euros o ano pasado na provincia de Pontevedra e que se distribuíron entre as 79 asociacións veciñais. As entidades que resultaron beneficiarias na convocatoria do ano pasado puideron levar a cabo a través destas subvencións obras de mellora nas súas infraestruturas, así como adquirir equipamento que co que levar a cabo as súas actividades e a prestación de servizos aos veciños.

As axudas beneficiaron o ano pasado na provincia de Pontevedra a asociacións de concellos como Pontevedra, Vigo, Oia, Tomiño, Cuntis, Cerdedo-Cotobade, Crecente, Tomiño, A Cañiza, A Lama, Ponteareas, As Neves, Campo Lameiro, Forcarei, Covelo, Moraña, A Estrada, Tui, Vilagarcía de Arousa, Ponte Caldelas, O Rosal, Vila de Cruces, Catoira, Lalín, Salceda de Caselas, Gondomar, Redondela, Soutomaior, Mos, O Porriño, Moaña, Salvaterra de Miño ou Cangas.

A Administración autonómica renovou a súa aposta por fomentar o movemento veciñal e na convocatoria para 2020 incrementou en case o 70% o orzamento das axudas, ata acadar os 2,5 millóns de euros. Trátase da contía máis elevada desde 2016, cando se iniciou esta liña de subvencións. A achega da Xunta a este plan ascende a 10,4 millóns de euros no período comprendido entre 2016 e 2019.

A orde de axudas xa está publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a disposición das asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais interesadas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de xaneiro. A presentación realizarase de forma obrigatoria por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O Goberno galego financia con estas axudas, incluídas no plan de acción comunitaria, actuacións que contribúan a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden na mellora da calidade de vida local.

Desta forma, ao abeiro desta orde, subvenciónanse, por unha banda, os gastos de investimentos en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teña un dereito de uso para reforma, ampliación e mellora; e por outra parte, a adquisición dos equipamentos necesarios para o seu funcionamento ordinario, todos eles orientados ao cumprimento dos seus fins. O importe máximo concedido será de 17.000 euros por entidade, 12.000 euros para a realización de obras e 5.000 euros na dotación de equipamento.

Tamén son obxecto de axuda a prestación de novos servizos, a organización de actividades e a reparación de camiños veciñais. No caso das comunidades de augas, poden solicitar as subvencións para a execución de obras de reparación de traídas veciñais de auga.
A Xunta pode anticipar o 100% da contía das axudas, evitándolles ás asociacións que teñan que facer fronte ao custo do proxecto antes da súa realización e xustificación. Ademais, na convocatoria deste ano, as axudas concederanse por concorrencia competitiva, e non por orde de presentación coma nos exercicios anteriores.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM