A CIG adhírese ao “Manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires”

Ante o perigo que corre de ser demolido

A CIG vén de adherirse ao Manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires, en perigo de desaparición. A central sindical chama a asinar a petición a través da que se reclama vontade política para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir sendo referente de Galicia en Buenos Aires.

MANIFESTO POLA DEFENSA E PORVIR DO CENTRO GALEGO DE BOS AIRES

O Centro Galego de Bos Aires, entidade emblemática da diáspora galega no mundo, que tivo na súa centenaria vida institucional unha actuación consecuente de defensa e promoción social, cultural e económica da Galicia territorial e da emigración porteña, hoxe require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo da súa desaparición.

Atendendo ao anterior, os galegos e galegas queremos facer un chamamento á sociedade e aos nosos representantes políticos (Xunta de Galicia, Parlamento Galego, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, as Universidades Galegas e outras institucións e colectivos sociais e culturais de Galicia e da diáspora) co obxectivo de salientar a transcendental importancia que supón o feito de conservar unido todo o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires.

Na defensa deste enorme acervo material e inmaterial común aos galegos e galegas de acó e acolá, queremos e debemos ser respectuosos coas leis arxentinas que protexen os seus bens artísticos e culturais, coa colectividade galega do mundo que conforma unha Galicia universal allea a lindeiros artificiais e, asemade, coas decisións soberanas das agrupacións do Centro Galego que traballan arreo na resolución deste conflito que compromete seriamente a prestación médica de calidade e o mantemento dos postos de traballo.

Do mesmo xeito, respectamos o noso sentir sobre a tradición mutualista, cultural, solidaria, galeguista e republicana que durante a longa noite do franquismo soubo manter acesa a luz da palabra, da razón, da democracia, da convivencia e da irmandade coa Terra Nai. Esa enorme tradición comunitaria de traballo, que brindamos á cultura do país de acollida, é enteiramente nosa, enteiramente galega, e maniféstase no patrimonio que queremos protexer e proxectar con fachenda cara ao futuro.

Por todo isto, os galegos e galegas demandamos da Xunta de Galicia e mesmo do Goberno Español –a través do Ministerio de Asuntos Exteriores– actuacións concretas diante do Goberno Arxentino encamiñadas a solucionar definitivamente o gravísimo problema polo que atravesa a centenaria institución. Reclamamos, en primeiro lugar, vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e socias e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial… e solicitamos esforzos para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir sendo referente de Galicia en Buenos Aires.

A simboloxía do edificio e a función sanitaria, social e cultural do actual Centro Galego ofrece moitas e moi variadas posibilidades para que a Galicia do século XXI siga sendo unha das identidades que conforman a capital porteña, a grande metrópole –como lle chamou Otero Pedrayo– que acolleu a milleiros de galegos e galegas, orgullo da nosa estirpe no mundo, símbolo histórico da galeguidade universal, corazón de Galicia e sangue nutricio da República Arxentina.

Rianxo, 29 de xaneiro de 2018

(No 132 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao)

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

Centro Galego de Bos Airesmanifesto

SIGUENOS EN TELEGRAM