Dende mañá poderán presentarse só por vía electrónica as solicitudes para os alleamentos de madeira nos montes xestionados pola Xunta

O DOG publica hoxe a orde que regula esta tramitación electrónica que ten por obxectivo facilitar a xestión da venda de madeira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo é axilizar os trámites administrativos para facilitar a xestión da venda de madeira.

Así, as solicitudes de participación nos alleamentos de madeira presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. No proceso poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Seguidamente, para efectuar a oferta económica para a retirada da madeira deberase utilizar o modelo tipo correspondente por cada lote obxecto de alleamento. Neste caso, as solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde teña lugar o alleamento.

Se algunha das persoas interesadas presenta a solicitude de participación de xeito presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

O obxectivo de instar aos interesados a presentar as súas solicitudes de participación nos alleamentos exclusivamente por medios electrónicos é axilizar o groso da tramitación precisa para facilitar o proceso de venda da madeira nos montes galegos xestionados pola Xunta.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM