Dez centros educativos de primaria participarán na iniciativa de ‘Voluntariado de lectura-A’

Enmárcase no programa ‘Bibliotecas Escolares Solidarias’

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución cos centros seleccionados para participar no programa Voluntariado de lectura-A, enmarcado no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que busca formar o alumnado nestas actitudes e no compromiso co seu entorno máis próximo e coa sociedade na que vive. A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Un total de 10 de toda Galicia participarán este curso nesta iniciativa, en concreto os recollidos no seguinte cadro:

A participación nesta iniciativa levará consigo a organización no centro dun obradoiro específico destinado ao alumnado voluntario. Esta actividade poderá estar relacionada coa narración oral e a lectura expresiva, sobre circuítos e libros, a elaboración de booktrailers, un laboratorio de radio, os xogos cooperativos e tradicionais ou a música e danza tradicional.

Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o alumnado directamente implicado e responsable das actividades de voluntariado de lectura e de atención á biblioteca escolar recibirá un diploma pola súa colaboración como acción de voluntariado cultural, así como material divulgativo e de apoio ao programa.

O programa

Voluntariado de lectura-A ten como destinatario o alumnado de 5º e 6º cursos de ensino primario co obxectivo de estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura. A acción divídese en tres modalidades. A primeira delas consiste na colaboración coa biblioteca escolar, na que o alumnado forma parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento deste espazo no seu centro.

Na segunda modalidade, Ler con… D (Lecturas compartidas dentro do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros, a través de fórmulas como os apadriñamentos lectores, a titorización lectora, ou as lecturas compartidas, entre outras.

Por último na terceira modalidade, Ler con… F (Lecturas compartidas fóra do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros nenos e nenas, doutros centros educativos, incluídas as escolas infantís; lectura a anciáns nas residencias de maiores; lectura a enfermos nos hospitais, etc. Así mesmo, poden incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio; así como con alumnado doutros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do seu concello.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM