A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Eduardo Chao, 17) acolle desde hoxe ata o vindeiro venres día 29 a exposición “A viaxe da miña vida”, na que persoas usuarias da asociación Down Vigo mostran a súa sensibilidade artística cun colorista conxunto de tapices elaborados coa técnica do patchwork e inspirados en vivencias persoais.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou na apertura, xunto ao presidente de Down Vigo, José Manuel García Orois, e o director da entidade, Antonio Fuertes, o “gran traballo e compromiso da asociación, que facilita que as persoas con síndrome de Down teñan as oportunidades que todas e todos debemos ter”. A máxima responsable da institución destacou que a exposición é unha mostra da calidade artística das persoas que elaboraron os tapices, ás que nomeou unha a unha. “Son Arancha, Antonio, Lola, Lucía, Luci, Manuela, Marcelo e Noa”, citou. Todas e todos eles forman parte do grupo de Habilidades Adaptativas da asociación, centrado no envellecemento activo. Carmela Silva anunciou na presentación, realizada só cos responsables de Down Vigo para cumprir as medidas de seguridade fronte á Covid-19, que tan pronto a situación sanitaria mellore a mostra retornará á sede da Deputación “cun grande acto no que as persoas que elaboraron os tapices teñan o protagonismo que lles corresponde, e para que a xente veña coñecela con normalidade”. En todo caso, a presidenta animou a veciñanza de Vigo a visitar estes días a exposición en grupos reducidos. “Quedarán sorprendidos e sorprendidas. Son tapices moi fermosos e hai moito traballo en cada un deles”, subliñou.
O presidente de Down Vigo, José Manuel García Orois, explicou que a exposición “é unha forma de promover a autonomía das persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual”. A colección de tapices, engadiu, “mostra que teñen moitas capacidades, de traballo, artística, e de expresión dos seus sentimentos e emocións”. O presidente da asociación agradeceu á presidenta a colaboración para que a sede da Deputación acollese esta iniciativa.
Vivencias persoais
Os tapices foron realizados durante todo o curso pasado dentro do grupo de Habilidades Adaptativas e cada un deles vén acompañado dun cartel no que as autoras e autores preséntanse e contan a vivencia que inspirou a súa obra. A peza de Arancha representa a “Superación”; a de Antonio, o “Renacer”; o tapiz de Lola o “Duelo”; o de Lucía a “Unión”; a obra de Luci un “Conto de Fadas”; a de Manuela, os “Desexos”; Marcel inspírase na “Emigración” e Noa no “Fogar”.
A través das súas obras realizan unha viaxe emocional na que mostran a súa creatividade, vivencias e recordos. Deste xeito cada tapiz reconstrúe a súa vida de forma figurada mediante a creación artística. As pezas xorden dunha vivencia concreta que se plasma na combinación de cores, teas e disposición. A exposición mostra á cidadanía as realidades, sensibilidades e habilidades das persoas con síndrome de Down. Ademais, compleméntase cun vídeo sobre o proceso creativo.
Traballo da asociación
Down Vigo, creada no 1989, fai unha importante labor de apoio ás persoas con síndrome de Down e as súas familias. Actualmente conta con 200 persoas usuarias e presta servizo a todo o sur da provincia co obxectivo de acadar a plena integración e a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. A asociación, declarada Viguesa Distinguida, ofrece atención desde as fases máis temperás da vida das persoas con síndrome de Down, promociona a súa autonomía persoal, dálles formación para a mellora da súa inserción laboral e organiza actividades de tempo libre, entre outras accións do seu amplo programa de apoio, orientación e aprendizaxe.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.