Educación concede 142 bolsas para que o alumnado universitario mellore as súas competencias en linguas estranxeiras

Cada unha das bolsas están dotadas cunha contía de 1000 euros por beneficiario, que contribuirán a financiar estadías nalgún Estado membro da UE no que os estudantes deberán realizar un curso do idioma oficial do país elixido

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder 142 bolsas de estudo para que os universitarios galegos melloren as súas competencias en linguas estranxeiras a través de estadías de estudo nalgún país da Unión Europea durante este verán.

Cada un dos universitarios beneficiados – a listaxe pode consultarse no Diario Oficial de Galicia– recibirán unha contía de 1.000 euros, cos cales a Consellería contribúe a financiar a súa estancia no país escollido, onde deberán realizar un curso do idioma oficial correspondente en cada caso, de tres semanas de duración como mínimo.

O obxectivo desta liña de axudas -para a que a Consellería de Educación destina unha dotación orzamentaria de 142.000 euros- é facilitarlle ao alumnado universitario cumprir cos requisitos e necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior, que esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional.

Por países de destino, a meirande parte das bolsas son para estadías no Reino Unido (62), en Malta (35) e en Irlanda (27). Séguenlle as bolsas en Italia (6), Francia (5), Alemaña (5), Suecia (1) e en Portugal (1).

Contando cos do presente ano, desde o curso 2011/12, un total de 1.131 universitarios galegos se beneficiaron destas bolsas, cuxa finalidade é que os estudantes de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) poidan mellorar as súas competencias noutros idiomas, nun curso que deberá desenvolverse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2019, ambos incluídos.

Estas axudas reafirman o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades de todo o estudantado para acadar a excelencia, así como un estímulo en prol da mobilidade dos universitarios galegos, no marco do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM