Educación concede os premios extraordinarios de ESO a 20 estudantes que destacan polo seu rendemento académico

A Consellería de Educación convoca cada ano estes galardóns que teñen como obxectivo valorar o esforzo e dedicación do alumnado que cursou educación secundaria obrigatoria en Galicia cun excelente aproveitamento

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de recoñecer a 20 estudantes cos Premios Extraordinarios de ESO ao Rendemento Académico correspondente ao curso 2018-19, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Estes galardóns, instaurados con carácter anual, teñen como finalidade valorar o esforzo e dedicación do alumnado que cursou ESO no sistema educativo galego cun excelente aproveitamento académico.

En total outorgáronse 20 premios extraordinarios para o alumnado que finalizou os seus estudos de educación secundaria obrigatoria no curso 2018/19 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os premiados obtiveron unha media das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9, e deles, o 45 por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10; o 50 por cento de entre 9,25 e 9,75; e o 5 por cento restante de entre 9 e 9,25.

Cada premio está dotado cunha contía de 750€ e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.

Alumnos premiados

Nesta edición na provincia da Coruña resultaron galardoados 8 alumnos, que son Rosalía Soto Rey do IES Antonio Fraguas Fraguas (Santiago de Compostela); Carmen González Fernández do IES Fraga do Eume (Pontedeume); Leopoldo Fernández Sánchez, Cristina Lamela Vázquez e Mario Freire Arias do CPR Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela); Pedro Vidal Villalba do CPR Tirso de Molina (Ferrol); Noelia Penabad Garrote do CPR Ayala (Narón); e Mariña Tuñas Carballo do IES As Ínsuas (Muros).

Na provincia de Ourense os premiados foron Adrián Vázquez Velasco do IES Ramón Otero Pedrayo e Luis Martínez García do IES O Couto, ambos centros na cidade de Ourense.

E na provincia de Pontevedra os 10 premios recaeron en Ariadna Lorenzo Poncela e Lucía Cuíña Moreira do IES Sánchez Cantón (Pontevedra); Ibai Otero Gómez do IES Francisco Asorey (Cambados); Claudia Gómez Lomba do IES A Sangriña (A Guarda); Pedro Rodríguez Viñas do CPR Plurilingüe Mariano (Vigo); Xavier Graña Lobeira do IES Illa de Ons (Bueu); Andrea Ferrer Muñiz do IES de Poio; Celtia Castelo Gajino do CPR Plurilingüe Calasancio (Pontevedra); Emilia Alario Pastoriza do IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra); e Noa Comesaña González do IES de Beade (Vigo).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM