Educación convoca as axudas complementarias do programa Erasmus +, dotado con 1,5 millóns de euros

As bolsas incrementan o seu importe mínimo dos 105 aos 125 euros, chegando a un máximo de 195 euros ao mes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar as axudas complementarias para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que durante o curso 2017/18 participa no Programa Comunitario de Mobilidade Erasmus +. Para tal fin, o departamento educativo da Xunta habilitou este ano unha contía de 1,5 millóns de euros, o que supón un aumento de 100.000 euros respecto ao orzamento do curso pasado. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180102/AnuncioG0164-301117-0003_gl.html.

Unha vez mais, ao igual que aconteceu o ano pasado con respecto ao anterior, para este curso as axudas incrementan os seus importes, de tal forma que o mínimo ao mes pasa de 105 aos 125 euros, a axuda intermedia de 145 a 165 e a máxima se eleva de 175 a 195 euros, en función dos países de destino. Así mesmo esta convocatoria contempla axudas para estancias de ata nove meses, o que complementa as axudas europeas, que se limitan a sete meses de duración.
Solicitude electrónica

Tal como queda reflectido na convocatoria, a solicitude da axuda deberá realizarse exclusivamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). En caso de incidencias de carácter técnico, cómpre comunicalo a través do enderezo 012@xunta.gal mentres que para resolución de dúbidas ou información sobre a dita convocatoria, o enderezo é orientacion.sug@edu.xunta.es .

No curso 2016/17 beneficiáronse destas bolsas a totalidade dos alumnos solicitantes que participaron no programa Erasmus Estudos, que foron total de 970 estudantes.
Contías mensuais

Os universitarios beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os tres e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega e Suíza), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia e Turquía) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Antiga República Iugoslava de Macedonia).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.
Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2017/18 en calquera das universidades públicas do SUG, para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao; e participar no devandito programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM