Educación convoca os premios extraordinarios de fin de carreira, que recoñecen a excelencia do alumnado universitario en Galicia

Vai dirixido aos estudantes que remataron os seus estudos universitarios no ano 2018

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de convocar os premios extraordinarios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2018 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

O obxectivo destes galardóns é recoñecer as mellores traxectorias académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e excelencia. Para tal fin, o departamento que dirixe Carmen Pomar destina un orzamento de 222.000 euros. Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3000 euros e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Requisitos

Poderá optar a este premio o alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8’5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7’5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Os requirimentos e forma de presentación de solicitudes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.

Ao igual que o ano pasado, o número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas con ata 199 persoas egresadas optarán a un premio, as que teñan entre 200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a tres premios. O número de persoas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM