Feijóo traslada ao ministro de Agricultura a necesidade de que os intereses atlánticos e cantábricos do sector se teñan en conta na política agraria europea e no reparto dos seus fondos

Asevera que Galicia plasmará todas estas prioridades nun documento baseado en criterios técnicos e elaborado xunto coas universidades galegas, co fin de trasladalo ao Goberno central

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a necesidade de que os intereses atlánticos e cantábricos do sector se teñan en conta na política agraria europea e no reparto dos seus fondos. Ao respecto, aseverou que Galicia está en contacto coas demais comunidades da Cornixa cantábrica para, “se é posible, trasladar ao Ministerio unha proposta o máis pechada posible para que se teñen en conta as prioridades e os intereses atlánticos e cantábricos”, precisou.

Nesta liña, e no tocante aos ecoesquemas -os pagos que se aboarán aos que cumpran condicións medioambientais adicionais, definidas por cada país-, Feijóo avogou por que se teñan en conta dous aspectos: a prevención de incendios e a modulación da axuda por estratos de tamaño das explotacións.

Sobre este segundo aspecto, valorou que o modelo de agricultura da PAC e do Ministerio sexa o de explotacións familiares profesionais pequenas e medianas, “porque realmente aí é onde se desenvolve a maior parte da poboación que se dedica a este sector”, dixo, referíndose ademais á importancia destas explotacións para fixar poboación no rural.

E, sobre as axudas asociadas, agradeceu que o Ministerio se comprometa a mantelas para o vacún de leite e carne; “e, desde a Xunta propoñemos tamén que se manteñan para o ovino-caprino, cunha dotación semellante ao período 2014-2020”, engadiu.

Sobre o segundo piar da PAC, o desenvolvemento rural, Feijóo incidiu na necesidade dun reparto equilibrado dos fondos entre comunidades, valorando factores como: o volume do emprego agrario; a superficie forestal; o volume da poboación rural, a súa dispersión e o seu especial avellentamento.

Feijóo aseverou que Galicia plasmará todas estas prioridades nun documento baseado en criterios técnicos e elaborado xunto coas universidades galegas, co fin de trasladalo ao Goberno central para que as teña en conta.

O impacto dos fondos Next Generation no sector primario

O responsable do Goberno galego referiuse tamén aos fondos europeos Next Generation e o seu impacto no sector primario.

Nesta liña, recordou en primeiro termo que Galicia presentou un proxecto relacionado co desenvolvemento dunha industria de fibra téxtil, baseada na xestión forestal sustentable e certificada. “Estamos a falar dun proxecto moi ambicioso, cun investimento de 1.200 millóns de euros, que presentaremos como o primeiro proxecto tractor de todos os que estamos a elaborar”, afirmou.

Así mesmo, Feijóo aproveitou a reunión para presentar outros tres proxectos. Un deles relacionado co plan de modernización de regadíos, coa iniciativa de desenvolver 3.500 hectáreas de regadío moderno en A Limia, cun investimento aproximado de 34 millóns de euros.

“E tamén abordamos a iniciativa das aldeas modelo, para poñer en valor o sector agrario”, engadiu, referíndose tamén a diversos proxectos transversais por un importe de 190 millóns de euros, para fomentar un rural 4.0, a investigación agraria, así como evitar a contaminación do solo debido aos xurros e producir enerxía a través dos mesmos.

Recorte das cotas e impacto do brexit na pesca

O presidente da Goberno galego destacou tamén a situación que está vivindo a pesca, polo recorte das cotas e polo impacto do brexit.

Sobre este último punto, Feijóo aseverou que “non só nos preocupa o que ocorreu, senón tamén o que vai ocorrer dentro de cinco anos, dado que despois dese período temos que negociar anualmente”. Tras precisar que “non é doado negociar cun país ano a ano”, incidiu en que aínda é máis complicado cando a frota europea parte cun 25% menos de cotas e cando o Reino Unido consegue arancel cero para exportar o peixe que non é quen de consumir. “A situación é preocupante”, abundou.

Tras lembrar as consecuencias para a frota que faena no Gran Sol, o presidente da Xunta agradeceulle ao ministro que nas negociacións que quedan tanto co Reino Unido como no seo da Unión Europea teña a Galicia como consultora, “e se é posible, como asesora porque nos xogamos moitas cousas e temos unha capacidade de pesca moi potente”.

Nesa liña, o titular do Goberno galego reiterou que a Xunta trasladará ao Ministerio dous informes: un sobre o impacto na actividade extractiva e sobre a comercialización dos produtos pesqueiros e outro sobre as implicacións xurídicas que supón o brexit para a pesca galega.

Feijóo insistiu en que á Comunidade lle interesa que os 1.700 profesionais e 150 buques pesqueiros que faenan en augas británicas teñan unha defensa técnica, científica, biolóxica e, “tamén, política” dos intereses que están en xogo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM