Fernández-Tapias anuncia o inicio do proceso de adxudicación de dúas vivendas Berbés 41 e unha en Abeleira Menéndez 16

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial en Vigo sinala que este é o undécimo sorteo destas características convocado polo CCVV

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou tras a celebración do Consello de Administración do organismo o inicio do proceso de adxudicación de tres novas vivendas no barrio histórico.

Segundo informou, ponse así en marcha o que é o undécimo sorteo destas características convocado polo CCVV desde a súa creación. En concreto, detallou que se trata de dúas vivendas no número 41 da Ribeira do Berbés e unha no 16 de Abeleira Menéndez.

No caso das dúas promocións da fachada marítima, a primeira delas ocupa as plantas baixa e primeira e se estende sobre unha superficie de 69,70 metros cadrados cun prezo de venta de 122.000 euros; a segunda, son 86,98 metros cadrados repartidos entre o segundo e terceiro andar que vai a sorteo por 154.000 euros.

Sobre esta construción, Fernández-Tapias destacou a singularidade de que é a primeira rehabilitación abordada directamente polo CCVV na emblemática praza, onde recordou a Universidade de Vigo constrúe en edificios do Consorcio a súa sede e a Axencia Turismo de Galicia o primeiro albergue de peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. Asemade, indicou que se está a intervir en Berbés 29 e 31 o que permitirá, proximamente, dispoñer de catro vivendas máis e un local comercial.

En canto a Abeleira Menéndez 16, apuntou que é oitava recuperación dun edificio nesta rúa, recoñecida como unha das construcións de tipoloxía tradicional máis fermosas do centro histórico no Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello. A vivenda en cuestión ocupa dúas plantas, 92,12 metros de superficie útil e un prezo de venta de 157.000 euros.

Neste sentido, Fernández-Tapias volveu a insistir na intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde que a súa constitución, coa adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 111 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Expropiación forzosa

Preguntada ao respecto da súa opinión o anuncio do alcalde de Vigo, Abel Caballero, da expropiación de seis edificios na Praza da Igrexa no casco vello, a delegada enmarcouno nunha nova deslealdade do rexedor e ataque a calquera iniciativa que proceda da Xunta de Galicia. O seu xuízo, este movemento “vén a confirmar que a Caballero non lle importan os veciños e veciñas e que non quere que o Goberno galego invista na cidade”.

Lamentou así que non lle dera a oportunidade ao Consorcio, como potencial beneficiario, de aplicar esta medida para así seguir rehabilitando vivenda e fixar poboación. “Se non o fai e unicamente porque a Xunta conta cunha participación do 90%”, aseverou. Asemade, recordou Fernández-Tapias que o organismo ten identificados ata cinco edificios que se poderían adquirir no caso de que o Goberno local atendera a petición de aplicar a vía da expropiación forzosa pola que o CCVV leva esperando desde o 2017.

En todo caso e tras sinalar que o Executivo autonómico segue a intensificar a súa política en materia de vivenda en Vigo, para a que se reservan 12 millóns de euros neste ámbito, censurou que se perdesen máis de 10 anos na activación da expropiación forzosa e que se faga agora de costas ao Consorcio, organismo que recordou se creou especificamente como elemento de apoio para este mecanismo, habilitado xa no 2006. “Chega moi tarde”, concluíu.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM