Formación especializada desde a Universidade sobre actividades económicas desenvolvidas arredor do mar

Impartirase entre xaneiro e xuño de 2019 e oferta 30 prazas

Co dobre obxectivo de, por unha banda, fortalecer o vínculo entre a universidade e a empresa e, pola outra, ampliar o coñecemento que as e os participantes teñan sobre as actividades económicas que se desenvolven arredor do mar, a mediados do vindeiro mes de xaneiro comezará a impartirse na Universidade de Vigo o I Curso de especialista en innovación, competitividade e emprendemento no mar. “O ano pasado fixemos unha primeira edición de Icemar na modalidade de curso de formación e polas avaliacións das e dos participantes e polas nosas propias impresións, quixemos dar un paso máis ofertando o curso co título de especialista universitario”, explica a docente da Área de Ecoloxía  e directora académica do curso, Maruxa Álvarez, que sinala, que ademais de poñer máis valor no mar como epicentro da formación, a súa conversión en curso de especialista tamén lles permite aumentar a carga lectiva, incrementando as horas de visitas a empresas e a feiras sectoriais.

Con 250 horas presenciais, repartidas en obradoiros, visitas a empresas e xornadas de formación fóra das aulas, o curso, que oferta 30 prazas, desenvolverase por un período de seis meses entre mediados de xaneiro e mediados de xuño. “Icemar proporciona aos participantes ferramentas para que sexan quen de identificar aqueles intereses, habilidades e características persoais que lle van permitir explorar e definir os seus propios obxectivos profesionais”, explica Maruxa Álvarez, que confirma que a Universidade de Vigo é a única de España que ofrece un título propio de especialista en mellora da competitividade e emprendemento no mar.

O mar, fin e medio de moitas actividades económicas

Un equipo de docentes de distintas áreas do coñecemento, desde humanidades, a ciencias, pasando por enxeñaría e ciencias sociais e xurídicas e mesmo profesionais do sector do mar, encargarase de impartir o curso, que está aberto a estudantes, egresadas e egresados e profesionais procedentes de calquera titulación. “En Icemar consideramos que o mar é un ecosistema do que todos formamos parte, e máis en Vigo, onde o mar é o fin e o medio de moitas das actividades económicas que se desenvolven”, explica a directora académica do curso, que considera que unha vez rematada a formación “as e os participantes poden conformar perfís profesionais capaces de achegar valor e innovar na toma de decisións, tanto en empresas e institucións nas que se incorporen a traballar, como no desenvolvemento das súas propias profesións”.

Cada sesión do curso dividirase en dúas partes, unha primeira de catro horas de duración con obradoiros sobre temáticas relacionadas coas competencias profesionais e persoais, coñecemento da empresa e actividade económica no mar. A continuación terá lugar a sesión denominada MarIdeaje, “que vén do xogo de palabras Mar+Ideas”, co obxectivo de que profesionais do mar acheguen ás e aos participantes, non só a súa realidade profesional actual, senón sobre todo, cales son o valores que lle levaron a onde están. “Cremos que estas sesións son moi inspiradoras para os participantes”, explica Maruxa Álvarez, que destaca ademais que de xeito bimensual organizarán visitas a empresas e institucións, “así que se facemos contas temos que, cando menos, cada participante que entre en Icemar sairá con 50 contactos novos. Non está mal!”, asegura.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM