Galicia promoverá melloras de eficiencia enerxética nas lonxas galegas para que reduzan o consumo de luz nun mínimo dun 40%

A Xunta destina máis de 250.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) a proxectos colectivos de mellora nas lonxas en materia de iluminación

A Consellería do Mar vén de convocar axudas destinadas ás confrarías de pescadores para proxectos colectivos de mellora nas lonxas en materia de iluminación. A elas a Xunta destina máis de 250.000 euros e con elas lograrase reducir como mínimo un 40% do consumo anual. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita á lonxa de Porto do Son, unha das beneficiadas por este tipo de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

A conselleira explicou que coa convocatoria, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, a Xunta busca modernizar as instalacións de iluminación interiores das lonxas baseadas en tecnoloxía led, modernizar ou incorporar sistemas de control de acendido e instalar sistemas de regulación do nivel de iluminación.

Deste xeito, destacou Rosa Quintana, Galicia dá un paso máis e complementa a última convocatoria de axudas para modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque. No marco desa última convocatoria, expuxo, a Xunta aprobou 32 axudas a 26 confrarías por un importe de 800.000 euros para mellorar a calidade dos produtos da pesca, elevar o control e a trazabilidade dos produtos, incrementar a eficiencia enerxética e mellorar a seguridade e as condicións de traballo nas lonxas.

Un dos proxectos financiados nesa convocatoria é o da confraría de Porto do Son, que contou cunha achega de preto de 5.000 euros e permitiu mellorar a iluminación na zona de poxa da lonxa con sistema LED, aforrar un 75% de consumo eléctrico nesta materia e resaltar mellor a frescura e calidade da pesca artesanal.

No marco desa convocatoria resolta, a confraría de Porto do Son tamén recibiu unha axuda de 11.090 euros para adquirir preto de 30 contedores isotermos de distintos tamaños para o almacenamento e transporte de xeo. Rosa Quintana subliñou que este tipo de achegas reflicten a aposta da Xunta pola modernización e as novas tecnoloxías para manter o potencial de Galicia na venda dos produtos do mar. Na visita, a titular de Mar estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Solicitudes

As confrarías de pescadores interesadas en solicitar estas axudas poderán consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Ademais para documentación que deben achegar coa solicitude, entre ela a memoria de proxecto, poden consultar os modelos neste enlace da web da Consellería do Mar.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde hoxe e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM