Marea de Vigo traslada documentación ao Parlamento Europeo para que se manteña aberta a petición sobre as verteduras e contaminación na ría

Rubén Pérez: “Se ben a multa de 12 millóns de euros que propoñía a UE por graves incumprimentos da Directiva Europea 91/271/ECC sobre o estado de augas mariñas e tratamento de augas residuais en 2006 foi paralizada pola posta en marcha da nova depuradora, o rigurosamente certo é que os vertidos continúan na Ría, especialmente polo estado de colectores de marxe de Ría e os puntos de vertedura en Bouzas e especialmente en Teis”.

Marea de Vigo envíará un informe detallado á xuntanza da Comisión de Peticións que a vindeira semana avaliará a petición aberta nos anos de 90 e que orixinou a ameaza de multa polo estado da depuración e as verteduras na Ría de Vigo xa que, “coa construción da nova depuradora, só foi solventado parte do problema” indica Rubén Pérez, voceiro municipal da Marea de Vigo.

“O propio Concello recoñece a existencia de verquidos na EDAR de Teis, estación que foi executada durante os anos 2000 – 2001 pola Xunta de Galicia e pasou a explotación municipal o 1 de xuño de 2001 pero que presenta serios problemas de capacidade, xa que os caudais tratados actualmente pola planta son superiores aos previstos cando foi deseñada” explica Rubén Pérez. O propio Concello recoñece ademais que, “de cara ao futuro, preténdese conseguir, para as augas vertidas, parámetros máis esixentes que os impostos pola normativa, de modo que se contribúa con maior eficacia á mellora da calidade das augas da ría. Isto requirirá actualizar, entre outros, os equipos de desinfección da planta así coma os niveis de control sobre os parámetros de vertido.”

Igualmente, o Concello asume que non se acometeron as melloras da estación de bombeo de augas residuais de Bouzas nin as actuacións urxentes no colector de marxe de ría no tocante aos bombeos necesarios para conducir as augas residuais ata a EDAR do Lagares. “Estes bombeos datan dos anos 90, polo que precisan da súa renovación e adaptación aos caudais circulantes na actualidade, cuxa implantación se cifra en máis de 13 milóns de euros” matiza o voceiro.

Para Marea de Vigo, a petición debe continuar aberta namentres non se aborden estas actuacións complementarias, cuxa aplicación considera debe de facerse, segundo Rubén Pérez, “de xeito urxente e prioritario”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM