O 112 leva xestionadas 158 incidencias dende o inicio do temporal que está a afectar á nosa comunidade

As provincias máis afectadas desde as 0.00 horas foron as da Coruña (79 incidencias) e Pontevedra (72)

O Centro de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia leva xestionadas dende as 0.00 horas de hoxe un total de 158 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adverso que está a afectar á nosa comunidade autónoma.

Das 158 incidencias, na provincia da Coruña houbo 79; na de Pontevedra, 72; na de Lugo, 4, e na de Ourense, 3. Os concellos máis afectados foron Vigo, Pontevedra, Carballo, Santiago de Compostela, e Ames. A tipoloxía máis abundante foi a de problemas nas estradas provocados pola caída de árbores e obxectos desprazados.

Cómpre salientar algunhas incidencias. En Vigo, os servizos sanitarios de urxencia evacuaron a unha moza que resultou ferida a causa dunha persiana que se desprendeu na rúa García Lorca. Segundo indicaron os profesionais do 061, a ferida foi trasladada ao Hospital Povisa para ser atendida por danos nunha perna e nun brazo.

Ademais, un camión con remolque envorcou na Autovía do Barbanza, ao seu paso polo concello de Rianxo, perdendo parte da súa carga. Como consecuencia do sinistro, o tráfico viuse interrompido ata as 10.30 horas.

Na Coruña, os restos dunha fachada caeron sobre algúns vehículos estacionados á altura do número 34 da rúa Francisco de Asís. No Porriño houbo desprendementos dun tellado na rúa Progreso. Non houbo que lamentar danos persoais pero si foi necesario acoutar a zona para evitar riscos.

Por outra parte, producíronse cortes de subministro eléctrico durante a noite e a madrugada en Miño e Ares, concretamente na parroquia de Camouco, e produciuse o corte dunha pista lateral á praia fluvial de Tapia, en Ames, pola enchente do río Tambre. Ademais, cómpre extremar a precaución na A-8 á altura de Mondoñedo por mor do vento.

A causa do temporal, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as actividades no exterior nos centros educativos situados nas zonas afectadas polo fenómeno meteorolóxico, nomeadamente na provincia da Coruña, provincia de Pontevedra, sur de Ourense, noroeste de Ourense, montaña de Ourense, A Mariña lucense, centro de Lugo e montaña de Lugo. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro, supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

A Xunta recorda a necesidade de seguir as medidas de protección pertinentes ante as malas condicións meteorolóxicas e recomenda consultar a web www.axega112.gal

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM