O 112 leva xestionadas 290 incidencias dende o inicio do temporal que está a afectar á nosa comunidade

Os concellos máis afectados foron Vigo, Ames, Carballo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vilagarcía

O Centro de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia leva xestionadas dende as 0.00 horas de hoxe un total de 290 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adverso que está a afectar á nosa comunidade autónoma. Entre as 10 e as 13 horas produciuse o período de máis actividade, ao concentrarse 153 incidencias.

Das 290 intervencións, na provincia da Coruña houbo 124; na de Pontevedra, 123; na de Ourense, 24, e na de Lugo, 18, ademais dunha incidencia fóra da comunidade. Os concellos máis afectados foron Vigo (18), Ames (14), Carballo (12), Santiago de Compostela (9), Pontevedra (9) e Vilagarcía (9). A tipoloxía máis abundante foi a de problemas nas estradas provocados pola caída de árbores e obxectos desprazados.

Cómpre salientar algunhas incidencias. En Vigo, os servizos sanitarios de urxencia evacuaron a unha moza que resultou ferida a causa dunha persiana que se desprendeu na rúa García Lorca. Segundo indicaron os profesionais do 061, a ferida foi trasladada ao Hospital Povisa para ser atendida por danos nunha perna e nun brazo.

Ademais, un camión con remolque envorcou na Autovía do Barbanza, ao seu paso polo concello de Rianxo, perdendo parte da súa carga. Como consecuencia do sinistro, o tráfico viuse interrompido ata as 10.30 horas.

Na Coruña, os restos dunha fachada caeron sobre algúns vehículos estacionados á altura do número 34 da rúa Francisco de Asís. No Porriño houbo desprendementos dun tellado na rúa Progreso. Non houbo que lamentar danos persoais pero si foi necesario acoutar a zona para evitar riscos.

Por outra parte, producíronse cortes de subministro eléctrico durante a noite e a madrugada en Miño e Ares, concretamente na parroquia de Camouco. Tamén se decretou o corte dunha pista lateral á praia fluvial de Tapia, en Ames, pola enchente do río Tambre, e do vial que une Padrón e Rois, no lugar de Cambelas, polo desbordamento do río Sar.

A Xunta recorda a necesidade de seguir as medidas de protección pertinentes ante as malas condicións meteorolóxicas e recomenda consultar a web www.axega112.gal

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM