O campus acollerá o primeiro maratón dirixido a incorporar contidos ao Galizionario

Aberto á participación da cidadanía, insírese nas actividades dun mestrado europeo

En funcionamento desde o ano 2004, o Galizionario é a versión galega do proxecto Wiktionary, o dicionario impulsado pola Wikimedia Foundation no que son os propios usuarios e usuarias os responsables da incorporación dos contidos. Con máis de 53.000 entradas ata a data, o Galizionariocontará o 16 de novembro por primeira vez cun maratón dirixido a sumar novos contidos a este proxecto, o Emlex Wiktionary Hackfest, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Aberto á participación de calquera persoa interesada, a iniciativa que coordina o profesor desta facultade Carlos Valcárcel insírese así mesmo nas actividades do mestrado europeo en lexicografía Emlex, de tal xeito que proxecta reunir en Pontevedra a futuros e futuras profesionais da elaboración de dicionarios, editores do Wiktionary e usuarios e usuarias destes recursos.

“É algo totalmente aberto”, sinala Valcárcel, responsable do comité organizador dun evento que conta tamén co apoio da Vicerreitoría do campus e que achegará á facultade aos alumnos e alumnas que cursan nas universidades de Santiago de Compostela e do Minho un mestrado Erasmus Mundus que coordina a Friedrich-Alexander University de Erlangen-Nümberg e no que participan diferentes universidades europeas. Nese senso, o hackfest constitúe unha actividade inserida na materia sobre lexicografía colaborativa deste posgrao, da que Valcárcel é un dos seus docentes, pero ao mesmo tempo busca reunir aos estudantes de diferentes nacionalidades que cursan este mestrado con “xente afeccionada a facer dicionarios, xa que, ao igual que na Wikipedia, calquera persoa pode facer un perfil e comezar a editar no Wiktionary”.

Unha xornada de traballo conxunto

A xornada abrirase cos relatorios de Adrián Estévez, un dos administradores do Galizionario, e de Eneko López, un dos responsables da edición en éuscaro do Wiktionary e colaborador tamén da edición en castelán. “Serán unhas charlas moi prácticas, o que queremos é que nos expliquen que hai que facer para editar e que é preciso ter en conta para que a xente poida comezar a andar, porque a idea é que estean todo o día editando xuntos”, sinala Vacárcel dunha actividade que, tras estes coloquios e a organización dos grupos de traballo, terá como eixo a incorporación de novos contidos ao Galizionario, para pecharse cunha sesión de posta en común do traballo de cada grupo. “A idea é que poidamos falar dos problemas que atoparon, de como se podería mellorar este dicionario”, explica Valcárcel, que incide no positivo para o alumnado do mestrado de achegarse á “este tipo de metodoloxía colaborativa, xa que a xente que fai o Wiktionary non é profesional de facer dicionarios”, polo que este encontro supón para eles un achegamento aos usuarios e usuarias, á vez que proporcionará aos editores e editoras do Galizionario “unha reflexión máis profesional” respecto da elaboración dun dicionario.

Co propósito de promover ese traballo conxunto e colaborativo, o comité organizador deste evento, do que forman parte tamén Adrián Estévez e as docentes María José Domínguez, da USC,e Idalete María Silva, da Universidade de Minho, achegará a este hackatón unha serie de propostas para este traballo da edición, que abranguen desde a introdución de léxico relacionado co outono á incorporación de traducións a outros idiomas neste dicionario multilingüe, aproveitando a presenza de alumnado procedente de diferentes países, así como a definición das liñas dun futuro libro de estilo, co que non conta ata a data a versión galega deste proxecto. Así mesmo, explica Valcárcel, a participación tamén está aberta “a aquelas persoas que non poidan vir a Pontevedra pero que queiran sumarse editando desde as súas casas”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM