O ciclo Café con Sal achegouse esta semana á evolución do clima en Marte

A seguinte sesión será o vindeiro martes e correrá a cargo de María Oliveiro e Simona Schiavo

Elisabeth Losa, investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do CIM-UVigo, foi a protagonista este martes dunha nova sesión do ciclo de conferencias Café con Sal. Cunha intervención titulada Evolución do océano na Terra e en Marte: o punto de diverxencia, a experta explicou ás persoas asistentes o estudo das diferentes fases mineralóxicas presentes nun cráter de Marte.

Segundo expuxo a investigadora na súa charla, actualmente Marte presenta unha temperatura media anual e unha presión superficial que fai que a presenza de auga líquida só poida ter lugar de maneira local e permanecer temporalmente baixo condicións anómalas ou moi restritivas. Non obstante, existen diversas evidencias que apoian a existencia de antigos corpos de auga sobre a superficie deste planeta, “o que implicaría a existencia no pasado dun clima máis húmido e unha atmosfera de maior espesor, a cal impediría a evaporación inmediata da auga”, explicou Losa, que fixo tamén fincapé en que as novidades sobre a natureza mineralóxica de Marte, resultante dunha meteorización acuosa, están a achegar novas ferramentas para comprender mellor as condicións ambientais deste planeta, tanto a escala local como global, e axudan a reconstruír o clima ao longo da historia de Marte.

Dentro deste contexto e dirixida por Luís Gago (grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica), e Alberto González (Centro de Astrobioloxía, CSIC), Elisabeth Losa desenvolveu a súa tese de doutoramento Meteorización de silicatos en Marte: o litio e os seus isótopos como trazadores xeoquímicos, co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre a meteorización dos minerais do basalto e a evolución de parámetros termodinámicos e cinéticos. Así mesmo, o seu estudo tratou de interpretar a evolución isotópica do litio asociada aos procesos de meteorización e formación de minerais secundarios, co fin de estudar a viabilidade de aplicar as ferramentas creadas no seu traballo a futuros datos tomados de mostras in situ.

Durante a súa charla neste ciclo Losa presentou tamén un estudo cualitativo e cuantitativo das fases mineralóxicas presentes no cráter Gale, no cal empregou novas técnicas para obter datos cristalográficos, e describiu un posible tipo de mineral de arxila identificado e a súa utilidade para reconstruír a historia xeoquímica do cráter Gale.

O seguinte ‘café’ será o martes 9

O ciclo de conferencias Café con Sal continuará o vindeiro martes coa intervención de María Oliveiro e Simona Schiavo, investigadoras do Centro de Investigación ENEA -Portici Research Center- de Italia, que ofrecerán o relatorio Efectos tóxicos dos microplásticos no medio mariño.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM