O ciclo Café con Sal duplicará este ano as charlas realizadas no 2018

Contará coa participación de varios investigadores/as estranxeiros

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo estreará  o vindeiro martes 22 de xaneiro a novena edición do ciclo de conferencias Café con Sal, unha actividade que arrancou en 2011 na Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat, para dar a oportunidade ao persoal investigador que traballa no ámbito mariño de compartir coñecementos, xerar debates, novas ideas e fomentar posibles colaboracións entre distintos grupos, tanto da propia Universidade como alleos a ela. Con 16 charlas programadas, o dobre das celebradas en 2018, “a principal novidade desta edición é a participación dos investigadores/as internacionais que este ano visitarán o campus”, explica a bióloga e técnica da Ecimat Alba Fernández, coordinadora do ciclo, que recalca tamén o feito de que, ao o igual ca en anos anteriores, os relatorios serán todos en inglés e poderán seguirse en directo ou en diferido a través de UVigoTV.

A diversidade, tanto temática como de poñentes, é un dos eixes centrais da nova programación. “Cando lle botas unha ollada á listaxe de charlas podes comprobar que se van tratar todo tipo de temas da man de relatores con perfís moi distintos, desde persoal que está a facer a tese de doutoramento ou outro tipo de traballos de investigación ata investigadores senior, tanto do propio CIM como doutras universidades e centros de investigación galegos e estranxeiros”, recalca Hernández. Neste sentido, a coordinadora do ciclo insiste en que seguen fieis aos obxectivos iniciais co que naceu esta actividade: ter un espazo no que estar xuntos e coñecer as principais liñas de investigación nas que están a traballar os diferentes grupos vinculados ao CIM e facilitarlle ás investigadoras e investigadores máis novos, que están a iniciar a súa carreira investigadora, un espazo no que poder practicar a arte de presentar traballos en foros e reunións científicas. “Cada ano tentamos ter a maior diversidade de temas posible e dar voz a representantes de máis grupos de investigación”, salienta Hernández, ao que engade que, por exemplo, “este ano participarán por primeira vez os equipos de Ecoloxía Animal e o de Xeoloxía Mariña e Ambiental”.

As conferencias trasládanse este ano aos martes

Outra das principais novidades desta edición é o cambio de día na celebración das conferencias. Se ata agora as charlas se celebraban en xoves, a partir deste ano os relatorios serán o primeiro e terceiro martes de cada mes (salvo excepcións), para evitar así que coincidan en día cos ciclos de conferencias que acostuman celebrarse na Facultade de Ciencias do Mar. “A idea é complementar ambas actividades nun programa de divulgación conxunto de carácter anual”, explican dende o CIM, ao que engaden que o que si se manteñen son os horarios e o lugar de celebración: de 11.00 a 11.40 horas no salón de actos da Ecimat.

A inauguración contará con dous relatorios

Aínda que o habitual é o formato dunha conferencia por xornada, para a inauguración, o vindeiro martes, están previstas dúas charlas: Where do your data fit in the European marine data landscape?, impartida por Belén Martín, doutora en Oceanografía pola Universidade de Vigo e xestora de proxectos do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), e Ascidians under Ocean Warming and Acidification, impartida por Tiago Repolho, investigador de posdoutoramento do Centro de Ciências do Mar e do Ambiente (MARE), da Universidade de Lisboa, “que é precisamente un dos investigadores internacionais que vai participar este ano no ciclo”.

Cambio climático, biodiversidade e ecoloxía, xestión costeira, especies invasoras, ecotoxicoloxía, oceanografía física, xestión pesqueira… son algún dos temas que se van tratar ao longo de todo o 2019. As charlas do mes de febreiro estarán protagonizadas por dous investigadores da Universidade de Vigo: María Fernández, do Grupo de Recursos Enerxéticos e recoñecida como unha das mellores divulgadoras do certame Somos científicos 2018, e Antonio Villanueva, responsable da Área de Internacionalización do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM