O CIM-UVigo recibe a visita dun comité asesor externo

Reuníronse, entre outros, coa vicerreitora de Investigación, Belén Rubio

Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, formado polos 15 grupos de investigación dedicados á investigación mariña da Universidade de Vigo e pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, recibiu esta semana a visita dun comité asesor externo que será o responsable de avaliar a xestión do centro e a adecuación e implementación da súa estratexia, tendo en conta as políticas de internacionalización e de infraestruturas internacionais.

Este comité está conformado por seis especialistas en investigación mariña e en xestión de centros de investigación internacionais e/ou redes europeas: Catherine Boyene, directora do Laboratoire de Biologie Intégrative des Modèles Marins (CNRS, Francia), coordinadora científica da Rede Europea de Investigación Mariña Euromarine e membro do Consello de Dirección de BioGenouest; David Paterson, director executivo do Marine Alliance for Science and Technology Scotland (MASTS) e presidente do Consello do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC); Randi Elisabeth Taxt, vicepresidenta da Oficina de Transferencia de Tecnoloxía de Bergen (Bergen Technology Transfer Office / Bergen Teknologioverføring AS, Noruega); Igor Campillo, director executivo da Euskampus Fundazioa, entidade xestora do Campus de Excelencia Internacional da Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea, e Josep M. Parés, coordinador de Xeocronoloxía e Xeloxía no Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, Cenieh.

Coñecendo de preto a actividade dos diferentes grupos

A visita deste comité asesor arrancou este martes pola mañá cunha recepción que correu a cargo da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e na que tamén participaron os decanos das facultades de Ciencias do Mar e de Bioloxía, Miguel Ángel Nombela e Jesús M. Míguez; o director do CIM-UVigo, Daniel Rey; o da Ecimat, José Manuel García, e o dos Centros de Apoio á Investigación, Benito Fernández, e o comité científico do CIM-UVigo.

Nesta primeira toma de contacto, Daniel Rey presentou ao comité a orixe, estrutura, organización, medios de financiamento e os principais indicadores do centro, así como os plans de futuro e a estratexia a seguir. Acto seguido, os integrantes do comité visitaron as instalación da Ecimat e do Cacti, sendo guiados polo persoal propio de ambos centros de apoio á investigación. Xa pola tarde, representantes dalgúns dos grupos de investigación do CIM-UVigo presentáronlles as súas liñas de investigación e proxectos en marcha. Entre eles contouse coa participación de Celia Olabarría e Estefanía Paredes, do grupo de Ecoloxía Costeira, Ecocost; Moncho Gesteira, do Laboratorio de Física Ambiental, Ephyslab; Emilio Rolán, do grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, XB2; e José Luis Soengas, do equipo de Fisioloxía de Peixes, FB2. Pola súa banda, Elena Ojea (Future Oceans Lab) e Gianluca Marino (Laboratorio de Paleoclima, Geoma) presentaron algunhas das liñas emerxentes no centro.

O informe final elaborado polo comité será remitido en breve ao centro

Hoxe mércores o comité asesor e os membros do CIM-UVigo centraron a súa actividade na discusión sobre as liñas estratéxicas a seguir polo CIM-UVigo no futuro, tanto nos seus proxectos de investigación como noutros ámbitos como a captación de talento investigador e a transferencia de resultados de investigación. O informe final elaborado polo comité será remitido en breve ao centro.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM