O DOG publica a orde que dará cobertura ás familias de mariñeiros falecidos en accidente laboral para afrontar os gastos máis inmediatos

A medida pretende facer fronte ao desamparo económico temporal das familias con axudas de 3.000 euros para a viúva ou parella de feito da persoa falecida e de 1.000 euros para cada un dos fillos menores de 21 anos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que dará cobertura ás familias dos profesionais do mar falecidos durante o exercicio da súa actividade e que habilita axudas coas que cubrir as necesidades máis inmediatas dos familiares nos primeiros momentos tralo falecemento e mentres se realizan os trámites correspondentes cos seguros.

As achegas pretenden facer fronte ás consecuencias duns accidentes que adoitan traer consigo situacións de desamparo económico temporal e puntual das familias dos tripulantes falecidos ou desaparecidos pois a perda da persoa soe ir aparellada á falla de ingresos económicos xerados pola actividade cesante. Para mitigar esa situación, a orde establece axudas de 3.000 euros para a viúva ou parella de feito da persoa falecida e de 1.000 euros para cada un dos seus fillos menores de 21 anos ao tempo que da a consideración de falecidas a aquelas persoas que sigan desaparecidas transcorridos 10 días desde a data na que se produciu o sinistro.

A orde, que entra en vigor mañá, inclúe como profesionais do mar os tripulantes galegos de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enrolados nela e calquera que sexa o seu pavillón, os tripulantes non galegos que coticen no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia, os mariscadores e os traballadores de viveiros flotantes radicados en augas da comunidade autónoma.

As persoas que poidan necesitar estas axudas teñen toda a documentación necesaria na orde que publica hoxe o DOG. A presentación das solicitudes de achegas, para as que hai un orzamento de 50.000 euros, realizarase por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos a tal efecto.

Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes comeza mañá e remata o 15 de decembro de 2019 e refírese aos falecementos ocorridos desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 30 de novembro de 2019 pois as axudas a percibir con motivo de falecementos a partir do 1 de decembro de 2019 tramitaranse ao abeiro da orde de axudas do ano 2020.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM