O DOG publica o Plan Marco 2020-2021 da Xunta que investirá 12 M€ na mellora dos camiños municipais de acceso a parcelas agrarias

O prazo para que os municipios presenten as solicitudes de axuda será dun mes a contar dende mañá

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se aproba o Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, co obxectivo de seguir traballando na mellora das infraestruturas rurais. Así, a Consellería achegará case 12 millóns de euros que se xestionarán a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), distribuídos en dúas anualidades de case 6 millóns de euros cada unha.

A finalidade do plan, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, a Xunta contribúe á vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo e mellorando a capacidade organizativa desas áreas.

As achegas van destinadas a facilitarlles aos concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, como o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Para dar servizo a cada unha das localidades da comunidade, establecéronse uns criterios de distribución das asignacións económicas previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie, ao peso do agro en cada municipio, así como ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% da contía para aqueles concellos fusionados.

Por provincias, as asignacións quedan do seguinte xeito: 3,7 millóns de euros son para A Coruña, 3 millóns para Lugo, 2,7 millóns para Ourense e 2,4 millóns de euros para a provincia de Pontevedra.

Os consistorios teñen de prazo para presentar as súas solicitudes de axuda un mes a contar dende mañá. Deben facelo exclusivamente por medios electrónicos, cubrindo previamente o formulario accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, e a páxina web da Agader.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM