“O futuro da automoción galega pasa por fabricar vehículos con valor engadido e non de baixo custe”

A CIG presentou un documento con propostas para afrontar os retos dun sector cada vez máis precarizado

A federación de Industria da CIG vén de facer público un documento no que recolle as súas propostas para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar un industria cada vez máis precarizada. Dende a central apostan pola fabricación de vehículos de alto valor engadido e non de produtos de baixo custe, “xa que isto obriga as empresas a competir entre elas para ver quen fabrica máis barato, precarizando as condicións laborais, para poder así posicionarse no mercado”.

Para a CIG, as medidas que permitirían camiñar cara a unha industria da automoción “forte e consolidada” pasan por elaborar unha estratexia galega de sector que permita afrontar os retos derivados da aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; por contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; por implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e por que a formación profesional pública se adapte á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

Estas e outras cuestións foron debulladas hoxe en rolda de prensa en Vigo polos secretarios nacional e comarcal da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas, e Xulio Fernández, que estiveron acompañados polo secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves. Os representantes sindicais incidiron en que o documento que recolle as alternativas da central para a automoción foi elaborado a raís do debate aberto cos delegados/as e traballadores/as do sector para analizar os retos que ameazan o futuro dunha industria estratéxica para Galiza, en especial para as comarcas de Vigo e Ourense.

Propostas sectoriais

Entre estes retos atópase a desaparición dos motores diésel, “algo terribelmente negativo para o noso país, xa que a principal factoría asentada no noso territorio produce vehículos para profesionais e de baixo custe, sectores que mercan fundamentalmente automóbiles diésel”. Polo tanto, consideran fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países. “É necesario que a Xunta faga pública as axudas públicas a este proxecto, e que cantidade delas quedan aquí ou se invisten en Portugal, país que si está a apostar estratexicamente polo coche autónomo”.

O documento tamén recolle unha serie de propostas sectoriais, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego; a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as do sector; e impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.

Finalmente, adiantaron que nos vindeiros días trasladaranlle o documento ao conxunto do sector (CEAGA, empresas e traballadores/as), á Administración pública e aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento galego.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM