O SLG pide a Mesa do Leite ante a conxelación dos prezos máis baixos do Estado na Galiza nun contexto de alza

Aínda que a solicitou no último Consello Agrario Galego e a Consellaría de Medio Rural comprometeuse a contestar, a día de hoxe segue sen dar resposta

O silencio e carencia total de iniciativas por parte da Consellaría de Medio Rural no sector lácteo fai que as industrias estean aproveitando o baleiro para extorsionar de novo ás granxas, obrigándoas a asinar contratos que conxelan os prezos nunha situación de alza xeneralizada. Ademais, os diversos indicadores subliñan que Galiza segue a ser a comunidade do Estado co prezo medio máis baixo (32,6 céntimos en novembro de 20191), a única que non supera os 33 céntimos, e moi lonxe da media española (34 céntimos) ou europea (35’31 céntimos2). A tendencia á alza na Unión Europea fixo que, dende xuño a decembro, o prezo medio comunitario se incrementase un 6’4%. Esta tendencia tamén se deu no Estado e na Galiza pero, ao partir na nosa terra duns valores miserables, o aumento no prezo nos últimos meses segue a situarnos no último posto do Estado e na cola da Unión Europea en cuestión de prezos.

Esta anomalía faise máis insultante se comparamos o prezo medio na Galiza co das comunidades veciñas: 34’2 céntimos en Castela e León e 35’7 céntimos en Asturias, dándose o caso dunha mesma empresa que recolle leite en granxas veciñas de distintas comunidades mantendo esta fenda discriminatoria no valor do produto recollido.

Dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos, na última sesión do Consello Agrario Galego, a necesidade de convocar de maneira urxente a Mesa do Leite para que Medio Rural arbitre un diálogo e unhas negociacións necesarias entre os diversos axentes do sector para rematar con estas anomalías de mercado que discriminan flagrantemente as nosas granxas. Porén, aínda que o conselleiro de Medio Rural, José González, se comprometeu a dar resposta a esta petición, aínda non o fixo. E as industrias xa están presentando a asinar os contratos para a nova campaña 2020-2021, extorsionando a miles de granxas que carecen de poder de negociación das condicións ofrecidas.

Aínda que dende a Consellaría de Medio Rural e dende o Ministerio de Agricultura esgrimen que non é posible negociar prezos por ir contra as regras do mercado; en países veciños como Francia chegouse recentemente a un acordo grazas á mediación do Goberno, que conseguiu que Lactalis, a principal industria que opera en Galiza, lle pague ás granxas galas 35’5 céntimos por litro, o que supón unha suba do 7’5% con respecto aos 33 céntimos que pagaba antes das negociacións. Por certo, Lactalis está ofrecendo nos seus novos contratos na Galiza un prezo base de 29’5 céntimos. O agravio para coas nosas granxas é vergoñento, como vergoñento está a ser o silencio cómplice da Consellaría de Medio Rural.

1Último dato publicado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

2Este último dato foi obtido do Milk Market Observatory.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM