O tratamento informativo da violencia machista: 15 anos da Declaración de Compostela

Neste 25 de novembro o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai balance das melloras e das eivas no tratamento informativo da violencia contra as mulleres, quince anos despois da Declaración de Compostela.

O 16 de outubro de 2004 máis de setenta xornalistas e axentes sociais asinaban a Declaración de Compostela, un documento que recoñecía a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra a violencia machista e que ofrecía unha guía para a práctica informativa diaria. Unha iniciativa impulsada polo CPXG, a través do seu Observatorio de Medios.

Quince anos despois, o CPXG convida xornalistas de diferentes xeracións a avaliaren os avances conseguidos e os cambios pendentes na abordaxe da violencia de xénero nos medios de comunicación galegos. Durante a xornada o CPXG compartirá nas redes sociais as reflexións de Belén Puñal, unha das impulsoras da Declaración de Compostela; Cláudia Morán, integrante de Xornalistas Galegas; Rita Alonso, profesional de TVE en Galicia e María Xosé Porteiro, xornalista.

Hai coincidencia en valorar moi positivamente os pasos adiante na identificación da violencia machista como un problema social de primeira orde e na sensibilización contra o machismo estrutural que a causa. Tamén se percibe un maior compromiso nas redaccións, especialmente das xornalistas. Con todo, detéctase unha perigosa tendencia á espectacularización e mercantilización destas informacións, en coberturas como a do triplo crime machista de Valga ou a do asasinato de Diana Quer.

Moito camiño andado e moito camiño aínda por andar. Logo de quince anos, a Declaración de Compostela segue sendo un horizonte non alcanzado na abordaxe informativa da violencia machista: na identificación das diferentes formas de violencia como unha violación dos dereitos humanos, no coidado das fontes, no rexeitamento do morbo e dos estereotipos… Entre os recursos que o CPXG pon a disposición das e dos xornalistas está tamén a Guía para o tratamento informativo da violencia contra a muller Informa_Dor, realizada en colaboración co Colexio de Psicoloxía.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM