Por segundo ano consecutivo a enxeñaría viguesa acada a final de Vodafone Campus Lab

A presentación ante o xurado terá lugar a través de videoconferencia este xoves

Por segundo ano consecutivo a Universidade de Vigo é unha das tres finalistas de Vodafone Campus Lab, un programa de formación online onde estudantes universitarios de diferentes disciplinas traballan en equipo para crear solucións a retos de innovación. Nesta ocasión a participación viguesa chega da man de Somos Opopona, seis alumnos e unha alumna dos graos de enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Organización Industrial que compiten no concurso cunha aplicación de móbil dirixida a asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos.

A final será este xoves, día 25, a través de videoconferencia, e nela o alumnado vigués enfrontarase con outros dous equipos, un de Alacante  e outro da Politécnica de Catalunya. “Temos bastantes nervios, pero agardamos facer unha boa presentación e poder culminar o traballo que levamos facendo todo o ano”, explica Roi Martínez, estudante do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, ao que tamén engade que, “independentemente do resultado, confiamos no noso proxecto e agardamos poder facelo realidade, se non é agora si nun futuro non moi lonxano”.  Xunto a Martínez integran o equipo Sergio Arcay, Andrea Busto, Pablo Cachafeiro, Marcos Cordeiro e Javier Rey, estudantes do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Alfonso Castro, alumno do Grao de Enxeñaría en Organización Industrial, da Escola de Enxeñería Industrial.

A aplicación para móbil deseñada polo equipo vigués chámase Optemis e pretende, empregando big data, desenvolver tecnoloxías de xeolocalización en interiores e procesado de imaxe, guiar ao usuario con discapacidade visual á súa porta de embarque en aeroportos, empregando as rutas menos transitadas. Ademais, tamén ofrece a posibilidade de localizar a equipaxe e atopar outros servizos dentro das instalacións.

Xurado composto por persoal directivo e premio de ata 10.000 euros

Hoxe pola tarde realizarán na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación unha proba de conexión e xa teñen todo listo para facer a presentación final ante un xurado que estará composto polos membros do comité executivo de Vodafone España: Remedios Orrantia, directora de Recursos Humanos; Andrés Vicente, director de Consumo, e Daniel Jimenez, director de Empresas.

Na súa presentación terán que explicar en que consiste o seu proxecto, cal é o seu fundamento técnico e o uso que fai das novas tecnoloxías das que dispón Vodafone, que efectos positivos agardan acadar na mellora da vida das persoas destinatarias e que comercialización se podería facer. “Coido que podemos mellorar o resultado do ano pasado no que finalmente quedamos en terceira posición”, indica o profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática Manuel Caeiro, coordinador do equipo, quen lembra como “agora xa coñecemos mellor cales son os obxectivos e os criterios do programa”. Os membros do equipo, pola súa banda, fan fincapé en que lles gustaría “facer saber que os enxeñeiros non só temos coñecementos técnicos dentro dos nosos sectores, senón que tamén somos capaces de xuntarnos para afrontar retos de diversa índole e así demostrar a nosa implicación e o elevado grado de calidade do noso traballo”.

O premio para o equipo gañador consistirá en ata 10.000 euros para desenvolver o seu produto/servizo e tres meses de mentorización por parte de profesionais de Vodafone.

Nesta edición participaron no reto 26 universidades de toda España

Nesta segunda edición Vodafone Campus Lab contou coa participación de 26 universidades españolas. Nunha primeira etapa, que abarcou de outubro e decembro de 2019, os membros do equipo definiron o problema e propuxeron a súa idea. Na segunda fase, entre xaneiro e marzo, o traballo centrouse principalmente no desenvolvemento dun prototipo que amosase a idea do equipo. “Para iso baseáronse na metodoloxía lean startup, que é unha metodoloxía para o desenvolvemento de ideas innovadoras”, apunta Manuel Caeiro, lembrando como para levar a cabo estas metodoloxías as e os estudantes asistiron a diferentes programas formativos no marco de Vodafone Campus Lab. Neste sentido os membros do equipo sinalan como esta experiencia lles permitiu achegarse a un proxecto real, nas súas fase de ideación, deseño, desenvolvemento e venta. “Grazas aos coñecementos impartidos polos membros de Vodafone Campus Lab e aos expertos que nos axudaron en distintas etapas da experiencia, aprendemos como enfrontarnos a este tipo de retos, dende todos os puntos de vista necesarios”, recalcan os estudantes.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario