Presentadas 13 propostas para executar a nova ampliación do Ifevi que promove a Xunta e que permitirá incrementar a competitividade do recinto feiral

O prazo de presentación de ofertas puido acurtarse a 26 días tras a publicación do anuncio previo de licitación no mes de marzo do ano pasado

A Xunta de Galicia vén de recibir un total de trece ofertas á licitación do contrato para a execución da obra da nova ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) en máis de 5.000 m2, cun orzamento de 7,27 millóns de euros.

Con esta iniciativa, a Xunta amosa de novo o seu compromiso coa cidade de Vigo e co recinto feiral, co obxectivo de incrementar a competitividade das instalacións e consolidar a celebración de eventos de referencia a nivel europeo e internacional como Conxemar, Navalia e Mindtech. Cómpre lembrar que o orzamento global do que dispón a Administración galega para este proxecto ascende a 7,65 millóns, posto que nesta actuación, ademais da obra licitada, se inclúen os contratos de servizo complementarios.

O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas rematou onte, luns 1 de febreiro. De feito, a Xunta publicou en marzo do ano pasado un anuncio previo de licitación que lle permitiu acurtar os prazos administrativos de 35 a 26 días.

As obras realizaranse mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade –a través da Axencia Galega de Infraestruturas– e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. O proxecto consiste na ampliación da zona traseira do pavillón 3 e prevese unha nova superficie construída de 6.572,80 m2, dos que 5.536,05 m2 se corresponden coa ampliación e 1.036,75 m2 coa reforma do edificio existente.

A tramitación do proxecto foi aprobada en novembro do ano pasado polo Consello da Xunta, realizándose mediante o procedemento recollido na Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, unha vez recompilados os informes favorables tanto do Concello de Vigo como dos diferentes órganos sectoriais –tras oito meses de espera, o Estado entregou os últimos informes pendentes en outubro–. O pasado 18 de decembro o Concello de Vigo certificou a dispoñibilidade dos terreos, un requisito previo indispensable para poder, a continuación, licitar as obras. Acto seguido, o 29 de decembro, o Consello da Xunta autorizou a contratación das obras de ampliación do Ifevi.

Este proxecto súmase ao xa realizado en 2018, no que a Administración autonómica investiu máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suma agora o investimento para esta nova ampliación.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM