Sendeirismo, cogomelos e magosto para rematar 2018

A andaina terá como escenario Nogueira de Ramuín

A programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, remata o ano cun percorrido por Nogueira de Ramuín, na provincia de Ourense. A andaina xuntará sendeirismo, cogomelos e magosto para rematar 2018 con bo pé.

A andaina, que leva por título Ruta 4. Micoloxía e Magosto. Nogueira de Ramuín (Ourense), ten unha dificultade baixa e unha distancia de 14 quilómetros. Cun percorrido circular comezará a rematará en Armariz. “Camiñaremos por unha paisaxe moi bonita de Ribeira Sacra”, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense. No camiño tamén haberá tempo para coñecer o traballo dos afiadores da man dun descendente dun dos primeiros afiadores ourensáns. Outro dos atractivos desta andaina, indica García-Calvo, será a celebración dunha xornada formativa sobre cogomelos a cargo da Asociación Micolóxica Os Cogordos, agradecendo desde a organización dos roteiros de xeito especial esta colaboración.

No local desta entidade micolóxica celebrarase precisamente o magosto que xa é unha tradición nestas datas nas rutas culturais. Nel as e os participantes procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo degustarán produtos do outono típicos desta festa, como chourizo, castañas e viño, ademais de produtos elaborados con cogomelos pola Asociación Micolóxica Os Cogordos. Tamén haberá un sorteo de agasallos como remate da festa.

Inscrición

A  inscrición, que se realiza por Internet, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada andaina pode inscribirse calquera persoa interesada. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando entre os 8 euros co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Existe tamén a posibilidade de adquirir bonos de cinco rutas a un prezo máis reducido aínda que estas persoas deberán inscribirse igualmente nas diferentes rutas ás que queiran asistir para confirmar a súa praza.

Cada andaina realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario. Desde a organización sinalan que o equipo aconsellable para este tipo de rutas debe estar formado por mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar. Haberá autobuses para trasladar as persoas participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM