Un total de 231 centros educativos poñen en marcha clubs de lectura para este curso 2017/18

As axudas destinaranse fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades destes espazos, e posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar

Un total de 231 centros educativos de ESO, bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial poñerán en marcha este curso os clubs de lectura, espazos de dinamización a prol da lectura que, ademais, favorecen tamén a aprendizaxe de competencias clave. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución pola que se conceden axudas para sufragar os gastos derivados do desenvolvemento de actividades previstas para o club de lectura, fundamentalmente aqueles que teñen que ver coa adquisición de libros, que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar. Para esta acción de fomento do hábito lector entre toda a comunidade educativa, a Consellería destinou 215.000 euros.

Por provincias, desenvolverán clubs de lectura un total de 100 centros da Coruña, 32 de Lugo, 22 de Ourense e 77 de Pontevedra. A previsión é que participen máis de 12.000 lectoras e lectores. Os centros beneficiados poden consultarse no seguinte enlace: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23951.

Á hora de realizar as asignacións aos centros valoráronse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que buscan contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primáronse as que fomentan a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, valoráronse de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Espazos de convivencia e motivación

Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá, ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito. Así mesmo, tamén axudan a mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

Plan LÍA 2016-2020

Cómpre sinalar, ademais, que o Plan LÍA 2016-2020 de bibliotecas escolares contempla como ámbitos de actuación para este período varios desafíos, entre eles o denominado Máis e mellores experiencias lectoras, que recolle entre as súas medidas a continuidade da convocatoria dos clubs de lectura, así como o deseño e posta en marcha de iniciativas destinadas a promover a lectura entre os denominados grupos de risco (adolescentes e varóns, fundamentalmente), así como entre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM