Un curso axudará ao profesorado a coñecer as claves da propiedade intelectual na Universidade

A matrícula está aberta ata o 8 deste mes e a docencia desenvolverase do 23 ao 25

Para o persoal docente e investigador, que xera, publica e divulga moitos dos resultados do seu traballo, é de especial relevancia coñecer os problemas, os retos e tamén as solucións sobre a propiedade intelectual que afectan ao seu día a día. Para resolver as dúbidas que nesta materia se poidan formular os membros do profesorado, a Universidade de Vigo pon en marcha un curso formativo que se desenvolverá a finais deste mes.

Esta iniciativa insírese no Programa de Formación Permanente do PDI da Universidade de Vigo para o ano 2021 e forma parte das liñas de accións do selo HR. Este selo distingue as universidades que xeran e apoian a existencia dunha contorna estimulante e favorable ao traballo de investigación. Neste caso concreto, trátase dunha aposta para que o persoal investigador cumpra coa lexislación de propiedade intelectual, respectando os dereitos de terceiros e que se protexan os activos de propiedade intelectual xerados nos centros universitarios.

O curso, oito horas de duración, desenvolverase entre os días 23 e 25 deste mes en modalidade virtual síncrona e o prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro luns 8. Ofértanse 100 prazas como máximo, destinadas ao persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, porén, no caso de quedaren prazas dispoñibles, poderán participar outras persoas interesadas na formación.

Respectar os dereitos propios e os de terceiros

O programa do curso comprende unha análise dos temas de propiedade intelectual que afectan ao persoal universitario, en particular á titularidade dos resultados da actividade do profesorado universitario, a utilización de materiais doutras persoas na docencia e na investigación, a propiedade intelectual na era dixital, os posibles negocios sobre estes dereitos e a defensa dos resultados de investigación fronte ao uso indebido por outras persoas.

Así, abordaranse temas como a regulación, os dereitos de propiedade intelectual, o réxime xeral de titularidade dos dereitos, as licenzas Creative Commons, a propiedade intelectual e os descubrimentos científicos, o Open Access, a difusión en novos formatos como os e-book, os programas de ordenador e as bases de datos ou a propiedade intelectual nas teses doutorais. Tamén se analizará a Lei de modificación da LPI no que atinxe a citas, compensación por copia privada e usos educativos. Outro enfoque do curso centrarase na explotación dos dereitos de propiedade intelectual como nova fonte de ingresos, nos negocios relativos á  propiedade intelectual e na Lei de transparencia e Lei de reutilización da información do sector público e open data.

O curso será impartido por Carlos A. Gómez Otero, funcionario da escala de Técnico superior de Administración da USC, do Corpo Superior da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e da escala de Xestión da USC. Ocupou os postos de xefe de Sección do Gabinete Xurídico, de xefe de Servizo de Asesoría Xurídica e de Secretario Xeral Adxunto  da USC dende o ano 2002. Participou en libros, artigos e capítulos de libros sobre temática universitaria. Impartiu seminarios, cursos e conferencias relacionadas co réxime xurídico universitario. É tamén especialista no marco xurídico de creación de Empresas de Base Tecnolóxica,  transferencia de resultados de investigación e en administración electrónica e nembro da Xunta directiva da Asociación Española para el Estudio del Derecho Universitario (AEDUN).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM