Un total de 142 universitarios poderán beneficiarse das bolsas convocadas pola Xunta para a mellora das competencias en linguas estranxeiras

As axudas, dun importe de 1.000 euros por persoa, contribuirán a financiar estadías nalgún Estado membro da UE no que os estudantes deberán realizar un curso do idioma oficial do país elixido

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2020, co obxecto de coñecer a lingua dese país. Un total de 142 estudantes poderán beneficiarse destas bolsas cun importe de 1000 euros, cos que se contribúe a financiar as estadías.

Cun orzamento total de 142.000 euros, esta iniciativa facilítalle ao alumnado universitario cumprir cos requisitos e necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior, que esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional. Neste sentido, as persoas solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas (en datas entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2020) cunha duración mínima de tres semanas, excluíndo as datas da viaxe, e un mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderán solicitar estas axudas os universitarios que estean matriculados no curso 2019/2020, como mínimo en 50 créditos, en calquera das universidades do SUG, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao. Ademais, os aspirantes deberán ter superado 60 créditos a data de 30 de setembro de 2019.

Non poderán optar a esta convocatoria aqueles estudantes que fosen beneficiados cunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+ neste curso, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país no que están a desenvolver o devandito programa, nin o alumnado que xa fose beneficiario desta axuda en convocatorias anteriores.

Desde o curso 2011/12 téñense beneficiado destas bolsas un total de 1.131 universitarios galegos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM