Unha videoconferencia facilita a ‘viaxe’ á Antártida do alumnado de Ciencias do Mar

Coñeceron de preto como é a vida nunha campaña e como se fai investigación de referencia

O alumnado da Facultade de Ciencias do Mar viviu este xoves unha particular ‘viaxe’ á Antártida e fíxoo a través dunha conexión en directo co persoal investigador que traballa a bordo do buque Joides Resolution, un barco de perforación que está a participar na campaña IODP (Integrated Ocean Drilling Program), un dos programas científicos máis ambiciosos da historia e co que se busca, entre outros obxectivos, cumprir o soño de atravesar a codia terrestre e chegar por primeira vez cunha perforación ata o manto. Trátase de estudar a historia do planeta, entender os diferentes mecanismos que producen os terremotos ou, simplemente, explorar os límites da vida.

Para achegarlles todos os detalles de como é a vida nunha campaña oceanográfica, como se fan as cousas neste barco e como se fai a ciencia de referencia a nivel mundial contaron coa testemuña de dúas das investigadoras españolas involucradas neste proxecto e que teñen ás súas costas unha longa traxectoria de colaboración coa Universidade de Vigo: Lara F. Pérez, egresada da propia Facultade de Ciencias do Mar e investigadora no British Antartic Survey, unha institución nacional do Reino Unido dedicada á investigación na Antártida; e Marga García, científica do Instituto Andaluz de Ciencias de la Tierra IACT-CSIC e colaboradora habitual do grupo de investigación en Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquíma (XM-1) da Universidade de Vigo.

“O que máis chama a atención deste barco é a súa inmensa torre de perforación”

Presentadas polo investigador Anxo Mena, do grupo XM-1, ambas investigadoras afondaron en como é a vida a bordo e nas principais curiosidades e hábitos que trae consigo este tipo de traballo, sobre todo, cando se leva a cabo nun lugar tan privilexiado como é a Antártida. “Cando fas un percorrido polo exterior do barco é habitual ver baleas e pingüíns”, salientou García e, de feito, apenas un par de minutos despois, mentres as investigadoras facían un percorrido pola cuberta, os propios asistentes á charla-  que se levou a cabo no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais- puideron ver en directo o salto dunha desas baleas. “Estas son as lanchas de salvamento, caben 71 persoas en cada unha”, explicou Pérez, ao que engadiu que nesta campaña traballan a bordo do buque 121 persoas.

“O que máis chama a atención deste barco é a súa inmensa torre de perforación, que se nas imaxes impresiona, asegúrovos que en directo faino moito máis”, explicou García. Tras pasar pola ponte de mando, visitaron tamén o laboratorio no que ambas traballan e amosáronlle aos alumnos e alumnas como é o seu traballo alí: como se realiza a extracción de testemuñas, como se cortan, o tipo de traballo que se leva a cabo despois…

O que se esconde no fondo do mar…

Hoxe en día a campaña IODP, da que forman parte ambas investigadoras, está liderada por Estados Unidos, Xapón e un consorcio europeo e canadense composto por 18 países, entre os que se atopan Portugal e España. As súas grandes liñas de traballo seguen sendo as mesmas ca cando se puxo en marcha, no ano 2003, e consisten, sobre todo, na recuperación de testemuñas de sedimento que axudan a comprender como era o clima no pasado; perforar as profundidades da codia terrestre para coñecer a dinámica da litosfera e o estudo da biosfera máis fonda, na que poderían atoparse algúns dos segredos da orixe da vida.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM